O Plan Único da Deputación inviste preto de 300.000 € nos viais de Teo

0

Teo, 12 de outubro do 2017 – O Concello de Teo publica no Boletín Oficial da Provincia a licitación de tres obras incluídas no Plan Único de Concellos (POS+2017) da Deputación da Coruña, por un importe conxunto de 295.927,64.

Os traballos do plan único, que terán un prazo de execución de 2 meses a partir da súa adxudicación, suporán a pavimentación de mellora de diferentes pistas e estradas de titularidade municipal nos lugares de Constenla e San Xoán de Calo (42.482,82 €), Vilar de Arriba-Bascuas (96.252,18 €), e Rial do Mato-Rarís (156.192,63 €).

As zonas de actuación son pistas e estradas con moitos anos de antigüidade que presentan actualmente deficiencias en canto ao acabado superficial do pavimento e das gabias, polo que se considera necesario acometer obras que redundarán na  mellora da seguridade e comodidade dos usuarios destas vías.

Debido ao elevado número de núcleos rurais no termo municipal de Teo, surxe a necesidade de integrar varias actuacións diferenciadas e ubicadas en parroquias distintas. Como denominador común, todas elas incluirán limpeza de gabias, rebacheo da plataforma do vial, pavimentación con aglomerado asfáltico e instalación de nova sinalización horizontal e vertical.

En Constenla e San Xoán de Calo aglomerarase unha superficie total de 1.800 metros cadrados, mentres que nos viais de Rial do Mato a Rarís a superficie alcanzará os 14.900 m2. Estas obras englóbanse dentro dunha estratexia de mellora dos camiños do goberno municipal, cuxa finalidade é a mellora das infraestruturas e servizos básicos das áreas rurais que contribúan a  mellorar a calidade de vida dos veciños.

Segundo a Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais da Deputación (EIEL), a lonxitude total da rede de estradas de Teo é de 278,3 quilómetros, dos que 219,2 son de titularidade municipal. O 98,3% destas vías están asfaltadas con rego asfáltico ou mistura bituminosa.

O Plan Único inviste 1,4 millóns en Teo durante 2017

Neste ano 2017, Teo recibirá un total de 1.416.846,65 euros a través do Plan Único da Deputación da Coruña, que o concello destinará a diferentes obras de mellora das infraestruturas municipais entre as que se inclúen a construción de novas sendas peonís en Calo e Os Tilos, a mellora do saneamento en A Insua (Luou), ou a reurbanización do núcleo de Ribas, ademáis de numerosas obras de mellora nos camiños e rede de estradas local.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies