A Plataforma de emigrantes retornados convoca mañá unha manifestación en Compostela

0

Compostela, 25 de abril do 2017 – A Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornad@s, da que a plataforma de emigrantes de Compostela fai parte, convoca unha manifestación nacional para mañá mércores día 26 de abril ás 11´30h. en Santiago de Compostela, que sairá da praza Praterías, con remate na rúa do Hórreo, diante do Parlamento de Galiza.

Dende a Plataforma de Emigrantes Retornados de Compostela fan un chamamento a partidos políticos, sindicatos, inmigrantes e colectivos sociais e a sociedade galega en xeral, a participar na manifestación convocada, baixo o lema: xustiza e igualdade, que centrará as reivindicacións na esixencia da paralización da lei Montoro e a urxente modificación das leis tributarias.

No mes de setembro do ano 2013 O Pleno do Parlamento Galego aprobou por unanimidade dous puntos dunha moción do BNG que recollía ás propostas da Coordinadora de Plataformas de Emigrantes Retornad@s para por fin ao que consideran o espolio tributario da Axencia Tributaria a conta das pensións de invalidez e das pensións de Alemaña. Hai un terceiro punto da moción do BNG que o PP rexeitou: a modificación da lei 35/2006, que é a clave para dar solución o problema.

A plataforma de emigrantes explica que “até o día de hoxe nin o ministro de facenda Cristóbal Montoro, nin o goberno galego e español explicaron que actuacións van realizar para darlle cumprimento a estes acordos. Papel mollado. Porén, malia considerarmos un pequeno trunfo das nosas mobilizacións este posicionamento do Parlamento Galego, hai que recordar que fai apenas 3 anos e medio aínda eramos defraudadores sobre os que tiña que caer todo o peso da lei, e hoxe xa nos deron a razón en moitas das nosas posicións, lamentamos profundamente que o PP aínda non entre en razón e non acepte a modificación da lei 35/2006 para resolver de forma definitiva o problema da nosa tributación, de forma clara, e sobre todo xusta e equitativa e que tampouco acepte frear esta infamia á que lle chaman regularización e que nós rexeitamos”.

Desde a Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornad@s, da que a plataforma de emigrantes de Compostela fai parte, explican que seguirán con mobilizacións e lembran ás demandas:

  1. Modificar a maior brevidade posíbel a Lei 35/2006, garantíndolles unha tributación xusta e igualitaria ás pensións percibidas no estranxeiro e idéntica a do resto dos pensionistas, evitando a discriminación que supón o feito de ter dous pagadores e evitando prexuízos de dupla imposición. Establecendo un sistema claro e sinxelo e garantindo non se aplique con carácter retroactivo.
  2. A axilizar a devolución de oficio de todos os cobros indebidos realizados até este momento a todos e todas as emigrantes retornados e singularmente a todas aquelas persoas que percibiron pensións procedentes de Alemaña, que con anterioridade ao ano 2013 estaban exentas de tributación no Estado Español segundo o artigo 19 do convenio hispanoalemán tal como acreditan numerosas sentenzas xudiciais do TXSG, sen que teñan que preitear individualmente para que se lles repare o seu dereito
  3. O mesmo en relación coas persoas que acrediten ter unha declaración de incapacidade equiparábel á absoluta ou gran invalidez, exentas segundo o disposto no artigo 7 da Lei 35/2006, establecendo para tal acreditación un método áxil e eficaz. Que se resolvan, de inmediato, as centos de peticións presentadas nas oficinas da AT en Galiza por emigrantes retornad@s nas que solicitan que se proceda a reclamar do Instituto Nacional da Seguridade Social a realización do correspondente informe pericial sobre a correspondencia en grado da incapacidade laboral recoñecida ao interesado no país no que estivo emigrado.
Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial