As plataformas contrarias a mina de Touro reclaman a protección do patrimonio afectado

0

Touro, 14 de novembro do 2018 – O informe do ICOMOS, dependente da UNESCO, que alerta dos perigos para o Camiño de Santiago do proxecto mineiro de Touro ven de reforzar a postura das plataformas contrarias a mina que reclaman a protección do patrimonio.

Nunha rolda de prensa a Plataforma Pola Defensa da Ría de Arousa e a Plataforma Mina Touro o Pino NON, acompañadas polo concelleiro compostelán Jorge Duarte, reiteraron a inviabilidade do proxecto e denunciaron o “desleixo da Administración na súa obriga de protexer os elementos patrimoniais afectados”.

Logo de coñecer o informe no que ICOMOS, órgano asesor da UNESCO en materia de conservación do patrimonio, alerta das graves consecuencias que a reapertura da mina de Touro e O Pino tería para o Camiño de Santiago, así como para outros elementos do patrimonio histórico e cultural dos concellos afectados, as organizacións que se opoñen ó proxecto explican que están obrigadas a “facer público novamente o seu descontento e a súa preocupación polas irreversibles consecuencias que o proxecto conlevaría de ser aprobado pola Xunta de Galicia”. Como o organismo asesor recolle no seu informe, o Estado signatario da Convención do Patrimonio Mundial, pola que se inclúe un ben na Lista de Patrimonio Mundial da UNESCO, asume voluntariamente o compromiso de protexelo, conservalo, revalorizalo e non adoptar deliberadamente medidas que o poidan danar, directa ou indirectamente. Asimesmo, tamén se adquire o deber de informar ó órgano da ONU cando existan factores que poidan afectar á conservación do valor excepcional dun ben inscrito na Lista de Patrimonio Mundial, como é o caso do Camiño Francés. No que lle compete á Xunta de Galicia, a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia tamén é clara ó establecer un réxime específico de protección dos Camiños de Santiago, e indicando que as obras e actividades no ámbito delimitado destes deben ser compatibles coa conservación e coa protección dos seus valores propios e, como criterio xeral, deben manter as características principais do territorio que conforman, o que supón o mantemento preferente dos núcleos tradicionais e das actividades agropecuarias e forestais. A Guía de Boas Prácticas Para As Actuacións Nos Camiños da Xunta de Galicia recolle que “con carácter xeral, non se permitirán novas canteiras a ceo aberto nin vertedoiros no territorio histórico nin no seu caso na zona de amortecemento”.

Para as plataformas o proxecto “ademais de usurpar o valor eminentemente agrícola e gandeiro das terras de Touro e O Pino, a explotación mineira tamén suporía unha grave perda económica pola grave afección ó Camiño Francés, especialmente no concello do Pino, onde o impacto da ruta xacobea na economía local é cada vez maior, tanto nos ingresos que supón o aumento anual de peregrinos que seguen esta vía como polo incremento de afiliacións á Seguridade Social, vinculado directa ou indirectamente ó boom de peregrinacións a Santiago.Polo tanto, ICOMOS vén de unirse á loita contra a mina e a deixar moi claro que este proxecto non é posible, non é compatible e non é sustentable cos nosos medios de vida nin co noso patrimonio. E faino lembrándolle ás administracións competentes que a destrucción dos bens culturais e do seu entorno considérase expolio e está prohibido pola Constitución e pola normativa sobre patrimonio histórico, estatal e autonómica, que a desenrolan”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial