займ срочно

O Pleno de Ames aproba os regulamentos do cemiterio e da radio municipal

0

Ames, 1 de abril do 2017 –  Ames aprobou por unanimidade no pleno ordinario do mes de marzo a modificación dos regulamentos municipais de xestión do cemiterio de Os Batáns e da radio municipal de frecuencia modulada Ames Radio.

Tamén saíu adiante por unanimidade a ordenanza reguladora do prezo público pola utilización da emisora de radio municipal para a emisión de anuncios publicitarios. Ademais, aprobáronse varias propostas presentadas polo grupo municipal popular, o concelleiro non adscrito, Javier López, Pacto x Ames e Ames Novo. Unha moción do Partido Popular presentada por vía de urxencia foi rexeitada.

O Pleno aprobou por unanimidade a modificación do regulamento do cemiterio municipal de Ames, situado no lugar de Os Batáns, preto do núcleo de Bertamiráns, que recolle as condicións de uso e de concesión de nichos, panteóns e columbarios do camposanto que é propiedade do Concello de Ames. Dito regulamento foi aprobado no pleno de xaneiro de 2015. Agora, aprobáronse unha serie de modificacións no texto do regulamento para adaptalo á realidade física do cemiterio municipal contida no proxecto técnico de reparación e acondicionamento que se aprobou na sesión plenaria de febreiro de 2016.

Algunhas das modificacións aprobadas afectan o cambio da duración do período de concesión das unidades de enterramento que pasarán de 15 a 25 ou 75 anos. Asemade, introdúcese no texto do regulamento a definición de tumba como unidade de enterramento soterrado; adáptase a terminoloxía de dito regulamento á normativa sectorial sobre cemiterios; identifícase o sistema de numeración das unidades de enterramento; modifícase o inicio da tempada de verán para comezar o 1 de maio; sinálase que o dereito funerario nace co pago da concesión administrativa, nos casos que proceda dito pago; elimínase a esixencia de que o titular do dereito funerario deba ser natural ou empadroado en Ames; e modifícase a referencia ao procedemento sancionador adaptándoo á nova lei do procedemento administrativo.

Por outra banda, aprobouse por unanimidade a modificación do regulamento de organización e funcionamento da emisora municipal de frecuencia modulada, Ames Radio, co obxectivo de precisar o ámbito territorial de dita emisora e para regular a xestión da publicidade. Segundo explicou a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, dende “xaneiro a novembro de 2016 estívose traballando na comisión da radio municipal para a elaboración dunha ordenanza que nos permita fixar os prezos públicos pola emisión de publicidade. Ademais, xurdiron varios aspectos sobre a emisión dos anuncios publicitarios, que as técnicas municipais nos indicaron que era máis oportuno que se recolleran no regulamento e non na ordenanza, como fixar un tempo máximo de publicidade por hora e establecer a lingua e as franxas da programación nas que se vai emitir dita publicidade”.

Deste xeito, a publicidade que se produza na emisora farase e emitirase en lingua galega e non poderá superar en total os 8 minutos por hora. Os espazos patrocinados incluirán un máximo de 90 segundos de publicidade directa da empresa patrocinadora por cada 15 minutos de emisión. Ao mesmo tempo aprobouse por unanimidade a ordenanza reguladora do prezo público pola utilización da emisora de radio municipal para a emisión de anuncios publicitarios.

Sobre este asunto Isabel Vaquero explicou que “non se pretende que a radio municipal sexa unha fonte de ingresos, senón que serva como unha ferramenta de dinamización para a difusión e o coñecemento deste servizo entre a veciñanza. Optamos por unha xestión externa para a contratación da publicidade para non saturar de traballo aos técnicos/as da radio e para que a maioría da publicidade que se contrate estea producida dende fóra da emisora. Establécense unhas tarifas base para cuñas publicitarias que son de 2 euros para cuñas de 20 segundo e tres euros para cuñas de 30 segundos”.

“Ademais, fíxanse tarifas para a emisión de espazos patrocinados, notas necrolóxicas, anuncios por palabras, gravación de cuñas para asociacións municipais sen ánimo de lucro e publicidade que se emita na web da radio municipal cando exista. Por último, hai redución de prezo por empregar a lingua galega na locución, por publicidade de servizo e por volume de contratación de cuñas. Hai unha tarifa a custe cero para asociacións municipais sen ánimo de lucro e para a publicidade de campañas doutas administracións e para entidades sen ánimo de lucro, que estean destinadas a promover a solidariedade, a igualdade e as accións de carácter humanitario”.

Propostas presentadas polos grupos da oposición

O grupo municipal do Partido Popular presentou unha proposta para que o Concello de Ames inste á Xunta de Galicia, en coordinación e coa colaboración da FEGAMP, a promover un pacto pola conciliación e a corresponsabilidade no ámbito da vida laboral, familiar e persoal nos concellos galegos. Esta proposta foi aprobada por maioría absoluta co voto a favor dos membros do goberno municipal, dos concelleiros dos grupos do Partido Popular e de Pacto x Ames, así como do concelleiro non adscrito Javier López. Os edís de Ames Novo abstivéronse.

O concelleiro non adscrito, Javier López, presentou dúas propostas. A primeira, que foi aprobada por unanimidade, é para mellorar a competitividade do sector turístico amesán e posicionar ao concello de Ames como destino turístico. Na segunda solicítase a construción dunha piscina municipal cuberta climatizada para a cidade do Milladoiro. Esta proposta foi aprobada por maioría absoluta co voto a favor dos concelleiros/as dos grupos do Partido Popular, Ames Novo e de Pacto x Ames, así como do concelleiro non adscrito Javier López. Os membros do goberno municipal abstivéronse.

A proposta presentada por Pacto por Ames, que foi aprobada por unanimidade, é para que o Concello de Ames colabore co equipo de científicos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) para a obtención de fondos para seguir investigando no programa de investigación sobre a biopsia líquida.

Por último, a proposta de Ames Novo trata sobre o fomento das enerxías renovables para o autoconsumo e o aforro enerxético. Esta proposta foi aprobada por maioría absoluta co voto a favor dos concelleiros/as dos grupos do Partido Popular, Ames Novo e de Pacto x Ames, así como do concelleiro non adscrito Javier López. Os membros do goberno municipal abstivéronse.

Moción por vía de urxencia

O grupo municipal popular presentou unha moción por vía de urxencia sobre as medidas destinadas ás persoas maiores en situación de dependencia e ás persoas con discapacidade que viven soas. Esta moción foi rexeitada co voto en contra dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e de Ames Novo. Os edís de Pacto x Ames abstivéronse, mentres que os concelleiros/as do Partido Popular e o concelleiro non adscrito, Javier López, votaron a favor.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies