займ срочно

O Pleno de Ames aproba a creación da Agrupación de Protección Civil

0

Ames, 1 de xullo do 2017 – Ames terá por fin unha agrupación de voluntarios de Protección Civil, o pleno ordinario de xuño aprobou por unanimidade a súa creación.

O Concello de Ames está obrigado por lei a dispor dunha agrupación de voluntarios de Protección Civil desde que pasou dos 20.000 habitantes pero polo momento nunca foi creada. No pleno de Ames do pasado xoves todos os grupos políticos municipais coincidiron na importancia de crear este grupo de voluntarios que traballará de xeito conxunto coa Policía Local. Este é o primeiro paso para avanzar neste dirección e cumprir coa legalidade neste eido. Tamén se destacou que é un paso importante pola boa labor que realiza unha agrupación deste tipo cando está ben organizada.

Outro dos temas aprobados por unanimidade foi a aceptación do cambio de titularidade da estrada da parroquia de Agrón, que une os lugares de Piñor e A Ponte Nova, para que pase a ser de titularidade municipal. Trátase dun acordo ao que se chegou xa anos atrás con gobernos anteriores, pero que non se fixo efectivo. A estrada AC-448 ten unha lonxitude de 1,27 quilómetros e pertence á rede secundaria de estradas de Galicia e discorre polos concellos de Ames e Negreira.

O Pleno de Ames aprobou tamén por unanimidade a terceira modificación puntual da Relación de postos de traballo (RPT) do Concello de Ames co obxectivo de contratar un traballador social e pasar a xornada completa un educador familiar, que actualmente está a media xornada. Esta ampliación de persoal está dotada de presuposto no Orzamento de 2017. Os diferentes grupos da corporación municipal coincidiron en destacar a necidade de incrementar o persoal do departamento de Servizos Sociais que permitirá  unha mellor atención á veciñanza amesá, aínda que  isto non soluciona o problema de falta de persoal que existe neste e noutros departamento municipais.

Finalmente aprobouse por unanimidade a revisión de prezos para o exercicio de 2017 do contrato con Urbaser e o convenio de colaboración que permita a integración de Ames na “Área de Santiago”, que promove a unión de 17 concellos para promocionar o turismo.

Propostas presentadas por Ames Novo, Pacto por Ames e por Javier López

O Pleno de Ames tramitou tamén cinco propostas presentadas por Ames Novo, Pacto por Ames e polo concelleiro non adscrito, Javier López. En primeiro lugar abordouse unha proposta presentada polo concelleiro non adscrito, Javier López, para solicitarlle á Comisión Permanente do Concello Xeral do Poder Xudicial, que acorde deixar sen efecto a decisión de dita comisión do 25 de maio de 2017, xa que causa prexuízo aos cidadáns e dificulta o acceso á xustiza, contravindo o artigo 24 da Constitución Española, e o dereito á tutela xudicial efectiva. Asemade, tamén recolle comunicarlle o resultado desta moción á Comisión Permanente do Concello Xeral do Poder Xudicial e a Deputación da Coruña para que se aprobe dita moción nos plenos do resto de municipios. Esta proposta foi aprobada por unanimidade.

En segundo lugar, a proposta presentada por Pacto por Ames para habilitar unha liña de subvencións para deportistas de elite, individuais ou con alta proxección nacional e/ou internacional, foi retirada da orde do día porque segundo manifestaron “o goberno municipal está traballando nunha iniciativa deste tipo e vamos agardar a coñecer o documento final para non interferir no traballo que se está desenvolvendo”.

Outras das propostas presentadas por Pacto por Ames, que tamén foi aprobada por unanimidade, recolle a creación dunha tarxeta cidadá única para o acceso aos servizos públicos existentes e que serva como medio de identificación (xunto ao DNI). Ademais, recóllese nesta proposta a posta en marcha dunha campaña de empadroamento na que se poña en valor as vantaxes de estar censado en Ames, e unha vez posta en marcha dita tarxeta, incrementar outras funcionalidade como servizo de acceso a bibliotecas, bonificacións, acceso ás instalacións deportivas, etc.

A terceira e última proposta presentada por Pacto por Ames foi sobre o acondicionamento xeral da zona de Cantalarrana, Carballido e arredores. Para iso solicitouse que se contemple a posibilidade de destinar unha partida específica do Orzamento de 2017 para este fin, así como manter unha xuntanza cos veciños/as que residen nesta zona para fixar as principais actuacións que son necesarias realizar e facer unha análise urbanística para lograr a mellor forma de desenvolvemento priorizando o beneficio da veciñanza. Esta proposta foi aprobada co voto a favor dos membros de Pacto por Ames, Partido Popular e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os concelleiros/as goberno e de Ames Novo abstivéronse.

Por último o Pleno de Ames abordou a proposta de Ames Novo que recolleu a derogación do R.D. 16/2012, de 20 de abril, de medidas urxentes para garantir a substentabilidade do sistema nacional de saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións. En dita proposta ínstase á Xunta de Galicia a non aplicar no territorio galego este Real Decreto por medio da posta en marcha dos instrumentos normativos axeitados. Esta proposta foi aprobada co voto a favor dos membros do goberno e de Ames Novo, mentres que os concelleiros/as de Pacto por Ames, Partido Popular e do concelleiro non adscrito, Javier López, votaron en contra.

Mocións por vía de urxencia

O goberno municipal presentou no Pleno de Ames dúas mocións por vía de urxencia. Unha delas para a mellora das condicións económicas do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Ames para a xestión do servizo de comedor escolar en cinco centros educativos do concello (CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro). O convenio existente finalizaba  onte venres 30 de xuño. A previsión para o  próximo curso escolar é que haxa 1.254 usuarios neste servizo municipal. Esta moción foi aprobada por unanimidade.

A segunda moción presentada polo goberno foi para a aprobación do proxecto técnico Camiño en Quintáns (Ameixenda) e outros, que conta cun importe de execución por contrata de 52.250, 22 euros. Este proxecto contempla melloras nos camiños de Quintáns (Ameixenda), camiño de Pegariños – San Fins – límte do Concello con Brión e dun camiño na parrquia de Covas. Esta moción foi aprobada por unanimidade. 

Asemade, as concelleiras da corporación municipal presentaron no Pleno de Ames unha moción instando ao Goberno do Estado a aumentar nos Orzamento de 2017 a asignación destinada á loita contra a violencia de xénero e para desenvolver políticas de igualdade. Esta moción, que foi aprobada por unanimidade, presentouse debido ao número incesante de mulleres e criaturas asasinadas polas violencias machistas no que vai de ano e ante o incremento do número de denuncias (2,3%) e o número de mulleres con ordes de protección e/ou medidas cautelares (7%), que en 2016 aumentaron respecto ao ano anterior, así como ante a prevista aprobación dos Orzamento xerais do Estado de 2017 e da proposta da subcomisión do congreso de Deputados/as de “Pacto de Estado” conta a violencia de xénero.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies