O pleno de Ordes aproba o novo mapa da hora e bonifica a creación de emprego

0

Ordes, 4 de marzo do 2018 – A sesión ordinaria do pleno de Ordes, correspondente a febreiro pero celebrada en marzo por problemas de axenda, tivo lugar a pasada semana e aprobou, entre outras cuestións, o novo mapa de implantación da hora e as bonificacións pola creación de emprego.

O pleno de Ordes comezou coa aprobación da solicitude de dimisión do edil Luís Caamaño Fraga. Este concelleiro formaba parte do grupo de goberno ata que decidiu pasarse aos non adscritos onde estivo nos últimos meses. Previsiblemente o sustituto volverá a ocupar posto no goberno municipal.

Susana García, edil de Igualdade, abriu a sesión coa lectura da declaración institucional con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo. As condicións no eido laboral, principalmente das mulleres que presentan algún grao de diversidade funcional, as diferenzas salariais en comparación coa poboación masculina ou a persistencia de estereotipos de xénero foron algúns dos puntos que se abordan neste texto.

Maior mobilidade

Por maioría desestimáronse as alegacións á modificación da ordenanza municipal da ORA, presentadas no seu día por Beatriz Martínez Candal. Afán recadatorio, ausencia de trámites para a consulta pública ou primacía nos criterios políticos máis ca técnicos foron algunhas das alegacións da concelleira non adscrita. Pola súa banda José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, volveu a insistir “que esta é unha petición formulada pola Asociación de Comerciantes de Ordes co fin da gañar en mobilidade e incrementar así as súas vendas”. O rexedor reprochoulle tamén “que das 100 sinaturas que presentou no Concello contra esta medida tan só 6 corresponden a residentes das zonas afectadas polas novas zonas de ticket. As restantes, na súa meirande parte, nin siquera pertencen a persoas empadroadas ou non son de xente que vive no núcleo urbano”.

Agás Martínez Candal e os integrantes do BNG, defensores de implantar zona azul gratuíta en toda a vila, así como os chamados ‘Leira parking’ (bonificacións a terreos privados que se cedan para aparcamentos), os demais membros da corporación votaron a favor de desestimar as alegacións. A anécdota da tarde deuse neste instante ao confundirse os 2 edís de UxO e votar contrariamente ao que tiñan pensado. Estes optan por eliminar a zona azul de pago e habilitar zona de residentes.

Co novo mapa da zona ORA a rúa dos Lagartos deixará de ser de pago obrigatorio a cambio de incluír a rúa Mercado (tramo Parques Municipais – rúa Compostela) e a República Arxentina (tramo Alfonso Senra – rúa Nova). Ademais instaurarase zona azul gratuíta, cun prazo máximo de estacionamento de 90 minutos, nas seguintes rúas: Rúa Nova, Rosalía de Castro (tramo Alfonso Senra – Rúa Nova), Rúa Canteira (Alfonso Senra – intersección rúa Mercado con Ramón Ferreiro), zona Praza de Abastos, Rúa Mercado (tramo rúa Compostela – rúa Canteira), rúa Reconciliación, rúa Compostela (Alfonso Senra – Muíño), rúa O Recreo (parque municipal – rúa Mediodía).

Tamén quedou aprobada a modificación puntual relativa a un camiño que pasa por propiedade privada no núcleo de Reboredo. Un punto no que Beatriz Martínez se abstivo e os tres edís do BNG votaron en contra xa que “deberíase haber aproveitado isto para mellorar outros camiños da mesma zona”.

IBI, IAE, ICIO

Unha vez máis a adhesión de Ordes aos ‘Concellos Doing Business Galicia’, aprobada no Pleno de xaneiro, volveu a ser tema de debate. Nesta ocasión no que se refire á precisa modificación das ordenanzas do IBI, IAE e ICIO e ás bonificacións que se aplicarán en base a aspectos relacionados coa creación de postos de traballo. Estas poderán chegar ata un 95% pola creación de máis de 20 empregos. A medida contou con voto favorable de case todos os representantes, xa que o BNG mantívose fiel á súa postura de absterse neste tema.

Onde si estiveron todos os grupos de acordo foi na solicitude ao Ministerio de Energía, Turismo y Agenda Digital da subvención para a mellora da eficiencia enerxética na climatización da piscina Iván Raña (127.820 €) e no sistema de iluminación pública (136,678 €).

Mocións

Nesta ocasión tan só o BNG presentou mocións. Na que se facía referencia aos problemas de altas temperaturas nas aulas do IES Maruxa Mallo non foi aprobada a súa urxencia. Así se decidiu despois de que a  concelleira responsable da área, Susana García, lera un comunicado da dirección do centro onde se explicaba detalladamente a posta en marcha de propostas e iniciativas por parte da xefatura territorial de Educación para solventar o problema.

A pesar do apoio brindado por Beatriz Martínez os nacionalistas non puideron ver aprobada a súa proposta de bonificación de ata un 95% da cota íntegra do IBI para aquelas construcións indispensables para o desenvolvemento de explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais situados en solo rústico. Pedían incluír tamén as compatibilidades na bonificación permitida por lei dentro do solo rural para edificacións destinadas a actividades vinculadas ás ditas explotacións. UxO argumentou a súa abstención na falta de tempo para poder analizar detidamente o contido e as consecuencias desta proposta, mentres que os restantes membros non adscritos e os membros do Goberno local rexeitaron por “inxusta, arbitraria e discriminatoria”.

En palabras de Martínez Sanjurjo ante o texto do acordo proposto polo BNG “podería darse a contrariedade de que unha vivenda que non está destinada a uso agrícola se beneficiase desta bonificación tan só por estar a carón dunhas instalacións con unha actividade legalizada, mentres que outra pertencente a un gandeiro ou agricultor non podería por atoparse máis apartada do seu lugar de actividade”. O alcalde apostou pola coordinación e execución conxunta desta proposta con organismos catastrais e a mesma Deputación da Coruña, co fin de levala a cabo correcta e xustamente. Nos vindeiros días remitirase unha consulta á dirección xeral de tributos que informe sobre a viabilidade de aportar un mecanismo que permita bonificar ao 100% dos bens inmobles suscritos cos códigos BIG do catastro.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies