займ срочно

Unanimidade no pleno de Ordes na defensa do medio ambiente e a educación

0

Ordes, 1 de outubro do 2018 – Pleno intenso no concello de Ordes con importantes mocións sobre medio ambiente e coa aprobación da conta xeral do 2017.

O pleno votou de forma unánime en contra da apertura dun vertedoiro de residuos non perigosos, de construción e de demolición, na parroquia de Lesta. O medio ambiente foi tamén o protagonista doutra moción na que se pedía o rexeitamento da reapertura da explotación mineira de San Rafael, no concello de Touro; os concelleiros decidiron tamén por unanimidade instar ás consellerías do Mar, Medio Rural, Medio Ambiente, así como ás ordenacións do Territorio, Cultura e Universitaria á emisión de informes negativos en base ás consecuencias derivadas de dito proxecto.

O concello luce pancartas en contra do vertedoiro de Lesta

Conta xeral

A conta xeral de 2017 saíu aprobada cos votos favorables do Goberno local (5 xa que o alcalde non acudiu por motivos de saúde) e os dos non adscritos Roberto González, Ramón Vázquez e Luís Gómez. BNG (2 membros) e UxO votaron en contra alegando un exceso de modificación de gasto, a prórroga de contratos e ao non compartir o nivel de aforro indicado polo executivo local. Tanto o Partido Socialista como a  non adscrita Beatriz Martínez optaron pola abstención.

Incremento de tasas

Cos votos do Goberno, Partido Socialista e os de Roberto González, Ramón Vázquez e Luís Gómez, aprobouse o incremento en base ao IPC das taxas pola prestación dos servizos da auga potable e dos sumidoiros para o exercicio 2019. Tanto UxO, como o BNG e Beatriz Martínez abstivéronse neste punto.

Outros acordos

O criterio favorable de todos os membros da corporación volveuse a repetir á hora de solicitarlle á Xunta de Galicia a declaración de Festa de Interese Turístico da Festa do Lacón con Grelos que cada mes de marzo se celebra no Mesón do Vento. Tamén foi unánime a decisión de  reclamar medidas por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para reducir o rateo no CEIP Castelao. Solicítase así a asignación dun mestre ou mestra a maiores para o desdobre inmediato das dúas aulas de Educación Infantil. A dotación de medios sanitarios públicos á hora de tratar a doenza da endometriose en mulleres, aportando maiores garantías nos tratamentos de fertilidade ademais da posta en marcha de campañas informativas entre outros aspectos, tamén obtivo o voto favorable de todos os grupos.

No apartado de mocións o BNG recibiu o apoio de toda a corporación  para instarlle a Fenosa a desmontaxe dunha liña de alta tensión en desuso situada no Mesón do Vento, cunha afección que alcanza os 62 ferrados de superficie. Unicamente no momento da votación o voceiro socialista Alejandro Manteiga decidiu ausentarse por incompatibilidade laboral á hora de pronunciarse nesta cuestión.

Un dos momentos máis intensos do debate xurdiu en base á moción dos nacionalistas que abordaba a supresión dunha aula de Educación Infantil no CEIP Castelao; a dotación de máis profesorado; e a realización de  melloras nas cubertas, fachadas e baños. Tanto os membros do Goberno como varios concelleiros da oposición consideraron que a maioría destes aspectos xa foran tratados anteriormente e aprobados por parte de todos e todas. Susana García, voceira do Goberno, insistiu ademais en que ditas obras e reformas xa foron solicitadas no mes de xaneiro. Por todo isto tanto o equipo de Goberno como Roberto González, Ramón Vázquez e Luís Gómez votaron en contra. A moción recibiu o apoio dos outros membros.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies