займ срочно

Noia recuperará unha parcela para un novo centro de saúde

0

Noia, 5 de novembro do 2019 – O pleno de Noia aprobou iniciar os trámites para revertir unha parcela cedida ao IGVS que podería destinarse a un novo centro de saúde.

Os grupos da oposición criticaron que nun comunicado do concello, dunha reunión do alcalde co presidente da Xunta de Galicia, se dera por feita a cesión para o centro de saúde cando aínda non comezarán os trámites para recuperar o terreo.  O alcalde, Santiago Freire, recoñeceu que se tratou dun erro na redacción da nota de prensa, que foi corrixido no Facebook municipal e que “o que se fixo foi poñer a disposición da Consellería a documentación da parcela para ver se os distintos módulos sanitarios que se pretenden instalar teñen encaixe”.

A parcela en cuestión foi cedida o 27 de abril de 2009 para a construción de vivenda pública e, dez anos despois, permanece sen uso. O pleno acordou o inicio do expediente de reversión da cesión cos votos a favor de PP e NOIA, fronte aos votos en contra de PSOE, Marea e BNG.

O BNG xustificou o seu voto en contra “porque pensamos que é posible facer vivenda pública. Non nos resignamos”, asegurou Ricardo Suárez. Unha argumentación semellante á empregada pola Marea Cidadá de Noia, que mesmo solicitou que o punto fora retirado da orde do día: “Noia necesita vivenda pública”, asegurou Manuel Seijas, quen lle pediu ao IGVS que emitise un informe dicindo que non ía facer vivenda pública na vila. Finalmente, o PSOE xulgou a reversión “en clave electoral”, apuntou Sergio Campos, quen compartiu coa Marea que “os técnicos din que non é axeitada unha parcela de 600 m2”.

Santiago Freire puntualizou que os técnicos citados polos grupos da oposición negaron ter dito que a parcela non era a axeitada e instounos a falar con eles para comprobar que esas afirmacións son falsas. Tamén rexeitou as acusacións de improvisación, pois lembrou que “a necesidade de reformar ou facer un novo centro de saúde é algo que se leva analizado dende 2016. Non se sacou da chisteira en dous días”.

Unanimidade

A unanimidade caracterizou o resto da sesión, onde se aprobou unha modificación de crédito e un crédito extraordinario de 127.600 euros para a 12ª fase do Plan de Protección de Vivendas do Casco Histórico. Unha achega que se fai con cargo ao Remanente de Tesourería. Tamén se aprobou a Declaración Institucional do 25 de Novembro que, por iniciativa da concelleira de Servizos Sociais, Marisol Villar, redactouse conxuntamente con todos os grupos municipais. Tamén se aprobou por unanimidade que os funcionarios con incapacidade temporal cobren o 100% dos seus soldos dende o primeiro día da baixa e unha ordenanza reguladora de limpeza de terreos e protección contra incendios forestais en Noia.

Na quenda de mocións, tamén se aprobaron por unanimidade as dúas do BNG. Na primeira pedíase a construción dun espazo colaborativo ou de coworking para emprendedores na vila, algo que todos os grupos municipais recoñeceron levar nos seus programas electorais do pasado mes de maio. Na segunda pedíase a peonalización da rúa corredoira, algo co que se amosaron de acordo todos os grupos se ben o alcalde puntualizou que “sería necesario facer antes un estudo da organización do tráfico más amplo”.

Tamén se aprobou por unanimidade a moción do PSOE na que se pedía a construción dun centro de día, o que motivou un longo debate sobre os servizos público en xeral e en Noia en particular, así como volver a debater sobre a non dispoñibilidade de parcelas municipais ata a aprobación do PXOM (o que motivou un novo debate sobre a reversión da parcela de San Lázaro).

Bríxida Quintáns

Finalmente, aprobouse darlle o nome de Bríxida Quintáns aos xardíns da capela de San Lázaro. Se ben a Marea Cidadá propoñía cambiarlle o nome ao Malecón de San Lázaro polo de Bríxida Quintáns, o alcalde expuxo que veciños e veciñas da zona non se amosaban conformes coa decisión, polo que o voceiro da Marea propuxo os xardíns da capela de San Lázaro e que no prazo de dous meses se faga un acto oficial para descubrir unha placa co nome de Bríxida Quintáns. A moción foi aprobada por todos os grupos municipais, co voto en contra do concelleiro popular Juan Ramón González Oviedo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies