O Pleno de Ordes mostrou o apoio aos traballadores de Meirama

0

Ordes, 30 de xullo do 2018 – O pleno ordinario do mes de xullo no concello de Ordes aprobou por unanimidade unha declaración de apoio aos traballadores de Meirama ante a noticia, non desmentida, do peche da Central no 2020.

O peche da Central de Meirama sería unha realidade de non realizarse un importante investimento de cara a cumprir a normativa europea en materia de emisións. A declaración incide no problema económico que suporía para a zona o peche da central e lembra o informe favorable de Greenpeace para manter a produción de carbón de respaldo coas renovables ata o 2030. O escrito tamén reclama que os posibles plans alternativos que a empresa poida estar a contemplar sexan debatidos cos traballadores e representantes institucionais da comarca.

Incorporación fincas ao inventario

Seguindo coa orden do día por unanimidade aprobouse tamén a rectificación do inventario de bens municipais ao formalizarse por parte do Agader (Consellería Medio Rural) a entrega ao Concello de dous predios declarados non aptos para a súa inclusión no Banco de Terras de Galicia. Concretamente trátase de dúas parcelas de 50 e 276 metros cadrados situadas na parroquia de Lesta e integradas no proceso de concentración parcelaria (1 fase). 

Obradoiro de emprego 

A totalidade dos grupos tamén acordou ratificar o acordo da Xunta de Goberno Local de cara á creación e desenvolvemento do Obradoiro de Emprego Brañas do Illó-Río Samo. A fórmula escollida é a dunha agrupación entre os concellos de Frades, Mesía e Ordes. Precisamente será este último o que teña encomendada a xestión tras a aprobación do correspondente convenio administrativo no que se recollen os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, e que faculta ao alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, para a súa sinatura.

Edificio do xulgado

Pola vía de urxencia, procedeuse co debate da alteración da cualificación xurídica do edificio dos xulgados para concluír co trámite de compra deste por parte da Xunta de Galicia, aspecto aprobado en novembro de 2016 no Pleno de Ordes. Cabe lembrar que no ano 1998 o Concello de Ordes e a Xunta asinaron un contrato de aluguer con opción a compra, resolución esta última acordada no 2008 pola Secretaría Xeral e do Patrimonio (Consellería de Economía e Facenda). Coa votación a favor de hoxe, agás o BNG que se opuxo alegando falta de tempo para poder estudar o caso cos seus asesores xurídicos, marca a solución para poder inscribir o dito inmoble no Rexistro da Propiedade de Ordes, co que xa se pode concluír co procedemento ademais de solucionar a demanda interposta polo ente autonómico.

Microchips

Xa no apartado de mocións o grupo socialista obtivo o respaldo de todas e todos os concelleiros e membros do Goberno para a posta en marcha de campañas informativas, coa colaboración da Policía Local, para a regularización de cans sen micrichips. Algo que está regulado por lei. Ao texto inicial a non adscrita Beatriz Martínez Candal sumoulle unha emenda que insta ao Goberno central á posta en marcha de campañas de esterilización e castración de animais abandonados, á aprobación de lexislación, á instauración de impostos pola compra de animais de raza, así como á promoción da adopción. Neste punto, e tras repasar as campañas informativas levadas a cabo polo Concello, a concelleira de Medio Ambiente, Ana Soneira, manifestou a súa intención “de seguir colaborando coa Asociación de Amigos da Canceira de Ordes, Segunda Oportunidade no que sexa preciso”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial