Pleno tenso no concello de Touro sobre a reapertura da mina

0

Touro, 10 de novembro do 2017 – A petición do BNG e do Psoe celebrouse onte en Touro un pleno para debater a postura do concello sobre a posible reapertura da mina.

No pleno mantivéronse posturas semellantes as expresadas o martes no Parlamento de Galicia. O BNG solicitaba nunha moción a prohibición da actividade mineira en Touro e a restauración dos terreos nos que se traballou ata 1986. O Psoe esixía garantías e avais e que se cumpriran tódalas condicións antes de que fora aprobado, O Partido Popular pola súa parte aprobou unha enmenda na que se modificaba o punto dous da moción; o cambio supuxo pasar de pedir a prohibición da minería no concello a pedir a prohibición de este proxecto.

En calquera caso a moción foi rexeitada cos votos en contra do equipo de goberno, a abstención do Psoe e o voto favorable do BNG.

Esta mesma semana viron a luz as alegacións elaboradas pola Sociedade Galega de Historia Natural (dispoñibles na súa web). O informe critica as deficiencias e contradicións do estudo. Recoñece o gran impacto sobre os cursos de auga e mananciais destacando “a desaparición de ata 20 mananciais e 5 depósitos de auga na zona de A Reigada que abastecen de auga a non menos dun cento de vivendas e explotacións gandeiras en Aldea de Loxo, Arinteiro, Bravos, Casas Novas, Cotiño, Goleta, Torreis de Arriba e a propia traída municipal do Concello de Touro”. Salienta a presenza de elementos tóxicos, sospeitosos de causar cancro e nocivos para os organismos acuáticos que quedarían indefinidamente almacenados nos denominados depósitos de estériles . Recolle tamén que “non se menciona que a menos de 1 km da contorna da explotación mineira existe unha vintena de núcleos de poboación, unha gardería, unha residencia da terceira idade, unha piscina municipal, unha área recreativa, o Centro de Interpretación do Río Ulla e o Centro de Protección Civil, que en maior ou menor medida sufrirán as vibracións de 6 voaduras diarias, e tampouco os posibles efectos dos microterremotos sobre a estabilidade dos diques das balsas de estériles.” A Sociedade Galega de Historia Natural denuncia a destrución do Castro da Copa e solicita que se rexeite o Estudo de Impacto Ambiental.

A recentemente creada Plataforma Veciñal mina Touro – O Pino Non, nace coa clara intención de defender, coidar e protexer a contorna, os xeitos de vida, a cultura e o patrimonio co fin de que as futuras xeracións poidan gozar del.

Esta Plataforma Veciñal oponse de xeito rotundo á apertura da actividade na Mina de Touro e por ende de toda a minería contaminante en Galicia.

Contando con un mes de traballo, na plataforma participan activamente máis dun cento de veciñas e veciños afectados e preocupados cuxo traballo principal é o de informar á xente da contorna ante a opacidade dos gobernos locais e o de levar as preocupacións e reinvindicacións ás administracións. É así que a Plataforma xa mantivo reunións con todos os grupos parlamentarios, con boa parte dos concellos da conca do Río Ulla e con númerosas entidades e asociacións como Verdegaia, Contraminacción ou a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies