Paco Souto e Pedro Craveiro gañan a sección de poesia do aRitmar Galiza e Portugal

0

Compostela, 23 de maio do 2017 –  A Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, acabou de fechar o proceso de votación polo público dos poemas finalistas do certame aRitmar Galiza e Portugal, onde os gañadores foron o galego Paco Souto, por “Terradentro” (Caín, Laiovento, 2016), e o portugués Pedro Craveiro, por “Fui a Bruges esquecer um amor” (Avenida Sul, 2016) cun rexistro total de máis de 2.000 votos populares.

As seguintes clasificadas foron Rosalía Fernández (Galiza), por “Parque”, e Cláudia R. Sampaio (Portugal), por “Tragam-me um homem que me levante com os olhos” e, en terceiro lugar, Olalla Tuñas (Galiza) con “Parir un lugar” e Alexandra Santos (Portugal) con “Penso em ti”.

aRitmar conta co patrocinio do Concello de Santiago de Compostela, da Deputación Provincial da Coruña e das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística da Xunta, así como coa colaboración do Centro Cultural Portugués de Vigo-Instituto Camões e a súa rede de centros de ensino secundário na Galiza, o Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, a Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e as escolas oficiais de idiomas de Lugo e Pontevedra.

Paco Souto (Coruña, 1962-Carballo, 2017)

Foi coeditor de Edicións do Dragón e da colección Letras de Cal. Realizou ilustracións para libros e participou en exposicións colectivas, colaborando tamén en obras teatrais. Foi presidente da asociación de mariscadores e da asociación Caldeirón e destacado activista cultural, político e social. Entre os seus poemarios, destacan As árvores do incesto (Espiral Maior), Fado (Letras da Cal), Crebar cristais coa lingua (A. C. Caldeirón), As horas de María (Espiral Maior), e Caín (Laiovento). Faleceu en marzo deste ano, nun tráxico accidente mentres exercía o seu traballo de percebeiro.

Pedro Craveiro (Porto, 1990)

Licenciado en Estudos Portugueses e Lusófonos, ten un mestrado en Estudos Literários Culturais e Interartes pola Universidade do Porto. Na actualidade exerce de profesor axudante de português na Universidade de California, onde tamén realiza os seus estudos de doutoramento. Foi integrante do Anuário de Poesia de Autores Não Publicados (Assírio & Alvim). Bon coñecedor da Galiza e da nova poesia galega, a súa familia paterna é de ascendencia galega.

aRitmar é un proxecto didáctico e cultural da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, pertencente á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, e que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesa actuais e achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía.

Coa organización do Equipo de Dinamización da Lingua Galega e os departamentos de galego e de portugués, durante o ano lectivo trabállanse de forma didáctica os textos e as músicas e, posteriormente, escóllense mediante votación online as mellores cancións e poesías editadas en Galiza e en Portugal no ano anterior, neste caso, en 2016. Despois, os grupos gañadores participan nunha gala de entrega de premios que se celebra no Teatro Principal.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial