Ponte Ledesma revive a batalla contra os franceses

0

Boqueixón, 5 de marzo do 2018 – Preto dun cento de persoas acudiron á primeira visita teatralizada na Ponte Ledesma. Esta actividade, organizada polos Concellos de Boqueixón e Vila de Cruces, recreou a época da batalla que tivo lugar neste enclave histórico, na que a veciñanza foi quen de deter o avance das tropas napoleónicas o 9 de marzo de 1809.

Para realizar este percorrido, os asistentes contaron co historiador e guía turístico Suso Martínez. O punto de encontro foi o Campo do Río. Alí,º o Capitán do Armamento Popular de Trasdeza, Benito Martínez, resucitou para rememorar ante todos os presentes a dura batalla que se librou no lugar.

O militar realizou un percorrido con detalle sobre o histórico episodio que, ao mesmo tempo, supón a orixe do tradicional Entroido dos Xenerais da Ulla. Durante a súa exposición, o Benito Martínez lembrou como arredor de 2.000 veciños e veciñas da contorna, dirixidos polo Xefe Militar da Xunta de Trasdeza, Gregorio Martínez, lograron deter, aínda que fose temporalmente, o avance das tropas napoleónicas armados con trabucos e apeiros de labranza.

Un fito histórico que ocorreu hai 209 anos. Con estas visitas teatralizadas preténdese rememorar a afouteza e determinación dunha veciñanza que foi quen de vencer ao exército armado napoleónico durante a Guerra da Independencia.

Próxima visita teatralizada, o 10 de marzo

Para aquelas persoas que non puideron achegarse este domingo a Ponte Ledesma terán outra oportunidade o próximo sábado, día 10 de marzo ás 12.00 horas. Esta visita teatralizada é de carácter gratuíto, pero require inscrición previa ben no Concello de Boqueixón (no teléfono 981 513 061 ou no e-mail boqueixonturismo@gmail.com), ben no de Vila de Cruces (chamando ao 986 582 017 ou enviando un correo electrónico a concellodeviladecruces@gmail.com). O prazo para inscribirse á actividade conclúe o 9 de marzo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies