Portas abertas no Centro Dramático Galego para celebrar o Día Das Letras Galegas

0

Compostela, 16 de maio do 2018 – O Salón Teatro de Santiago, sede do Centro Dramático Galego (CDG), abrirá este xoves 17 as súas portas para festexar o Día das Letras Galegas con visitas guiadas gratuítas polas súas instalacións.

Este ano, o 17 de maio homenaxea a María Victoria Moreno, cuarta muller á que se lle dedica este recoñecemento. O CDG súmase a esta celebración cunha xornada de portas abertas e seis quendas de visitas para ofrecerlle ao público a posibilidade de coñecer as instalacións do seu teatro, situado no número 34 da rúa Nova.

Os horarios destes percorridos guiados, cunha duración aproximada de 45 minutos, distribuiranse do seguinte xeito: na quenda de mañá, haberá visitas ás 10,30 h., 12,00 h. e 13,30 h., e na de tarde, ás 16,30 h., 18,00 h. e 19,30 h. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse chamando aos teléfonos 881 867 229 ou 881 867 227, en horario de 9,00 h. a 14,00 h, así como enviando un correo electrónico a centro.dramatico.galego@xunta.gal ata o 16 de maio.

Habilitaranse 10 prazas para cada unha das quendas, nas que se sortearán cadanseu lote de libros, cedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta. Entre eles, inclúense títulos da propia María Victoria Moreno e outros de coleccións infantís, seguindo a temática maioritaria da produción literaria da autora.

Licenciada en Filoloxía Románica, María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005) chegou a Galicia no ano 1963 como profesora. Unha década máis tarde, publicou Mar adiante, considerada unha das obras pioneiras da literatura infantil galega. Ata o seu pasamento, a escritora estivo comprometida co ensino da lingua e da cultura galegas. Cultivou a narrativa infantil e xuvenil, o ensaio, a poesía, os estudos literarios e a didáctica da lingua e da literatura galegas.

 Esta xornada de portas abertas dará paso, a partir do 25 de maio, ás representacións incluídas no ciclo de Teatro Ob-sceno dentro do programa de residencias do Centro Dramático Galego: Amor, de Helen Bertels; Deixa de tocala, Sam, de Avelina Pérez, e Barbarie en branco e negro, de Josi Lage.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies