Ordes e Veracruz analizan a posible creación do premio Isabel Zendal

0

Ordes, 6 de outubro do 2017 – A comitiva que encabeza o alcalde de Ordes, José Luís Martínez prosigue a viaxe por terras mexicanas e reuniuse cos principais representantes das universidades da zona.

No encontro abordáronse distintos aspectos relacionados coa figura de Isabel Zendal. Entre outros aspectos falouse da creación dos premios Isabel Zendal en recoñecemento a aqueles traballos de campo ou experimentais de fin de grao ou de mestrado universitario en relación coa vacinación. Uns premios que ben poderían ter carácter hispano mexicano ou incluso internacional.

Tamén se abordou a creación de vínculos de intercambio de estudantes e graduados no eido da medicina e a enfermería entre estes centros e a Facultade de Enfermería da USC. “A Unidade de Vacinas  do servizo de pediatría, recoñecida polas súas investigacións a nivel europeo, podería facilitar a estancia mediante bolsas ou axudas”, manifestou Jesús Pedreira, secretario da agrupación socialista de Ordes e uns dos impulsores da recuperación da figura da enfermeira.

Recuperación Centro Histórico

Tras este encontro, e sempre acompañados por Ángel Maldonado, rexedor terceiro de Veracruz, todos os representantes do Concello de Ordes, entre os que tamén están os edís Ana Soneira e José Manuel Rodríguez, acudiron á presentación do Proxecto de Recuperación do Centro Histórico de Veracruz. Manuel Ruiz Falcón, director do Centro Histórico, explicou no mesmo Palacio Municipal o plan co que se pretende rehabilitar e revitalizar áreas da cidade costeira, na que se manteñen edificacións de máis de 400 anos de antigüidade.

Onte xoves estaba previsto que se levara a cabo o irmandamento entre Veracruz e Ordes. Trátase do acto principal desta viaxe presidido por Ramón Poo, alcalde da localidade, ademais do rexedor ordense. Algo co que se espera promover e dar a coñecer aínda máis o nome e o labor desempeñado por esta veciña ilustre de Ordes, nacida na parroquia de Parada, e figura imprescindible na erradicación da varíola ao longo século XIX, formando parte da expedición filantrópica organizada polo doutor Francisco Xavier Balmis. De feito está considerada pola OMS como a primeira enfermeira da historia en participar nunha expedición mundial.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies