Premio Manuel Beiras 2017

0

Compostela, 5 de novembro do 2017 – O vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, Evaristo Rodríguez, e o alcalde de Compostela, Martiño Noriega, presentaron a edición número XVIII do Premio Manuel Beiras 2017 de recoñecemento ao uso do galego no sector empresarial.

O certame Manuel Beiras 2017, convocado pola Cámara de Comercio e o Concello de Santiago, cumpre un dobre papel: salientar o esforzo das empresas na normalización lingüística, e lembrar a figura de Manuel Beiras, un histórico comerciante compostelán e destacado loitador en prol da lingua e a cultura galegas.

O obxectivo do Premio Manuel Beiras é distinguir aquelas empresas que fagan un uso normalizado da lingua galega nas súas actividades comerciais e de comunicación. Posto que ten carácter de distinción pública, o galardón materialízase nun elemento simbólico de carácter artístico que lle será entregado ás persoas ou entidades premiadas, sen que leve engadida ningunha contía económica.

Evaristo Noriega salientou a maioría de idade e a boa saúde do recoñecemento que pretende potenciar o uso do galego no sector empresarial. O alcalde sinalou que o premio ten cada ano máis empresas interesadas en candidatarse, pero a mala noticia é que “aínda son necesarias iniciativas como esta, o que demostra que queda moito que facer para normalizar e sensibilizar no uso do galego no ámbito empresarial da cidade”.

O Premio convócase en dúas categorías: “Empresas que veñan realizando un uso continuado da lingua galega” e “Empresas que se incorporaran recentemente ao uso do galego”. Tamén se poderá outorgar unha distinción especial ás persoas ou entidades que se destacaran pola súa contribución á normalización da lingua no mundo empresarial.

Ao Manuel Beiras 2017 poden optar as empresas radicadas no Concello de Santiago, porque teñan a súa sede social no municipio ou porque realicen unha importante actividade nel. Poden presentarse directamente, ou seren propostas por calquera persoa ou entidade.

No xurado estarán representados a Cámara de Comercio, o Concello, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Universidade de Santiago, o Colexio Oficial de Xornalistas, e representantes dunha asociación en defensa da lingua –nesta edición Associaçom Galega da Língua–, dunha asociación de consumidores, e de cada unha das empresas premiadas na edición anterior. A presidencia do xurado altérnase entre o Concello e a Cámara de Comercio, e neste 2017 recae na entidade cameral.

O prazo para presentar as candidaturas ao premio Manuel Beiras rematará o 11 de decembro. As empresas interesadas en presentar a súa candidatura deben facelo a través do departamento de Lingua do Concello ou no departamento de Comunicación da Cámara de Santiago. A entrega de premios celebrarase o 19 de decembro no salón de actos da Cámara de Comercio de Santiago ás 20:00 horas.

Os galardoados na edición pasada foron: na categoría de nova incorporación, Coralia; na categoría de empresas cun uso continuado do galego, Na Nube e unha distinción especial para a Alvarellos.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies