Presentada a XXXVI Festa da Filloa de Lestedo

0

Boqueixón, 23 de febreiro do 2019 – A XXXVI Festa da Filloa de Lestedo, en Boqueixón, prevé superar as 20.000 persoas durante a xornada do domingo 10 de marzo. Durante toda a xornada, esta celebración, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, combinará a proposta gastronómica coa tradición do Entroido dos xenerais da Ulla, que gozan do mesmo recoñecemento turístico.

A programación da XXXVI Festa da Filloa de Lestedo foi presentada no Hostal dos Reis Católicos de Santiago pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; o presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal; o empresario e creador da máquina das filloas, Orlando Vázquez; e a deseñadora, estilista e costureira local Carmen Pichel.

Nava Castro resaltou o esforzo da veciñanza de Lestedo por manter as dúas festas, a da Filloa e a do Entroido, e destacou o atractivo turístico que supón “ofrecer unha gastronomía tradicional de calidade e un entroido tan singular e diferenciado”. A directora de Turismo de Galicia ofreceu a súa colaboración para que a Filloa de Lestedo acade tamén a declaración de Festa de Interés Turístico Nacional, que suporía un importante salto de promoción.

Ovidio Rodeiro recoñeceu o “o entusiasmo e o traballo dos homes e as mulleres de Lestedo, que durante estas máis de tres décadas e media lograron converter esta festa nun dos grandes referentes do entroido galego”. O delegado territorial da Xunta expuxo tamén que a celebración renóvase cada ano “con novas persoas voluntarias que contribúen con novas ideas”. Rodeiro destacou o “importante esforzo de promoción de Turismo de Galicia”.

O alcalde, Manuel Fernández Munín, reafirmou a relevancia da festa para todo o municipio de Boqueixón e agradeceu a colaboración e apoio de entidades e empresas e das administracións supramunicipais para a celebración.

Tanto o presidente da Asociación Cultural da Filloa como o creador da máquina das filloas, con capacidade para elaborar 1.500 por hora, detallaron o programa e a loxística da festa e animaron a participar na degustación. Entre os aspectos novidosos deste ano destacaron a eliminación dos pratos e vasos de plástico, que se reemprazarán por materiais ecolóxicos e de reciclaxe máis doada.

Pola súa parte, Carmen Pichel avanzou as claves dos traxes que lucirán as xeneralas nos Altos do Entroido do Ulla nesa mesma xornada. A estilista de Boqueixón afirmou que os novos deseños son unha mostra de empoderamento feminino e permiten que “por fin este ano as xeneralas poidan participar no entroido vestidas de muller e non disfrazadas de home”. A comodidade e practicidade sen renunciar á beleza tradicional dos traxes van ser as liñas mestras dos deseños, que aínda non se desvelaron e que estes días se ultiman en diversos e discretos ensaios.

O programa da festa

As filloas comezarán a prepararse coas primeiras luces do 10 de marzo. A partir das 12:00 horas poderán degustarse soas pero tamén con acompañamentos como chourizos, panceta, rixóns e, para quen opte polo doce, con mel, nata ou crema.  

Tamén a mediodía, a XXXVI Festa da Filloa de Lestedo celebrará a tradicional Parranda de Entroido no Campo da Feira. Media hora despois prevese o IV Gran Desfile de Xenerais da Ulla, no que participarán varias ducias de xenerais, correos e soldados ataviados con traxes da época. O seu percorrido pola parroquia rematará no recinto da festa.

A partir das 13:30 horas a actriz María Mera exercerá como presentadora dos actos, nos que o xornalista Ramón Castro, de Onda Cero Santiago, exercerá como pregoeiro. Como é costume, imporase o Mandil de Honra ao pregoeiro e a outros persoeiros que contribúen ao éxito da festa.

A sesión vermouth e toda a xornada contará coas actuacións dos grupos e charangas Ardora, Raeira, Raiola, Luz do Ilicino e O Recobío. A música terá continuidade pola tarde coa verbena das orquestras Finisterre e París de Noia, que se prolongará entre as 18:30 horas e a medianoite.

Os Altos dos Xenerais do Ulla están programados para as 17:30 horas. Xa están confirmados oito xenerais, que demostrarán o bo humor e a sorna deste entroido tradicional mediante estrofas rimadas que nunca deixan de lado a política, o deporte e calquera tema da actualidade xeral e local.  

Xornadas gastronómicas previas

Para a promoción da festa e do produto que máis caracteriza a Lestedo, durante os días previos organízanse tres iniciativas de degustación no Centro Comercial Compostela – El Corte Inglés, no mercado La Galiciana en Santiago e nas xornadas da hostalaría local de Boqueixón.

A Semana da Filloa de El Corte Inglés comezará o 28 de febreiro e chegará ata o 9 de marzo. A clientela deste centro comercial poderá degustar filloas durante esas xornadas entre as 13:00 e as 16:30 horas.

A cita no Mercado La Galiciana será o 1 de marzo. Cada establecemento deste espazo santiagués ofrecerá esa xornada receitas especiais para a ocasión. A organización prepara música e diversas sorpresas para complementar a proposta culinaria.

Nas IV Xornadas Gastronómicas da Filloa de Boqueixón, entre o 4 e o 8 de marzo, varios establecementos locais ofrecerán petiscos e outras elaboracións innovadoras e suxerentes coa filloa como base e coa incorporación de produtos locais de tempada e de primeira calidade.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial