займ срочно

Presentado en Compostela O Entroido dos Xenerais da Ulla 2017

0

Compostela, 8 de febreiro do 2017 – O Pazo de Raxoi acolleu a presentación do programa do Entroido dos Xenerais da Ulla, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2013.

O programa está organizado polos oito concellos da comarca Ulla nos que se celebra, A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces. Esa edición celebrarase do 11 de febreiro ao 5 de marzo.

Na rolda de prensa de presentación dos Xenerais da Ulla participaron os alcaldes de Santiago, Martiño Noriega; Vedra, Carlos Martínez; Boqueixón, Manuel Fernández; Touro, Ignacio Codesido; Vila de Cruces, Jesús Otero; e Silleda, Manuel Cuíña; as concelleiras de Turismo de Santiago, Marta Lois, e de Teo, Conchi García; e o concelleiro de Medio Rural da Estrada, Juan Manuel Constenla.

No acto, celebrado no salón vermello de Raxoi, recreouse un alto por parte de catro xenerais, dous de Boqueixón e dous de Vila de Cruces. Tamén se presentou un vídeo sobre os Xenerais da Ulla na comarca elaborado polo alumnado do IES de Chacheiras co apoio dos oito concellos. O vídeo pode verse en YouTube.

Neste ano celebraranse 28 altos ou atranques dos Xenerais da Ulla en distintos lugares e parroquias dos oito concellos que colaboran nesta celebración. Dunha parroquia a outra, o Entroido da Ulla presenta pequenas diferenzas, mantendo cada un deles trazos definitorios que os fan únicos. Xenerais e correos engalanados conforman a espectacularidade desta auténtica expresión do entroido tradicional galego.
Excursións e exposición fotográfica

Como novidade, este ano poderanse coñecer os Xenerais da Ulla e o seu territorio en excursións con saída dende Santiago. Os atractivos turísticos que hai neste tempo de Entroido moi preto de Santiago agrupáronse en paquetes turísticos coa colaboración de Área Santiago e Viaxes Alma Gaia. Así, os días 11, 25 e 28 de febreiro haberá excursións para coñecer os pazos da Ulla, as paisaxes deste val e os atranques de Vilanova (Vedra) e Fao (Touro).
Estas excursións inclúen nos seus itinerarios a visita á exposición fotográfica dos Xenerais da Ulla, que estará situada na Casa dos Peóns, no Concello de Vedra. Trátase dunha exposición de fotografías escollidas, cheas de cor, que recollen a esencia e carácter do entroido rural tradicional dos Xenerais da Ulla. A mostra reúne un total de 60 imaxes, acompañadas de coplas ou atranques.
Monicreques 
Outra das novidades para este Entroido será o ciclo de representacións de monicreques As Xeneralas da Ulla, de Títeres Cachirulo. O espectáculo, para todos os públicos, será de acceso libre e percorrerá os oito concellos nos que se mantén viva esta tradición. Este espectáculo de marionetas de madeira represéntano dúas xeneralas e dúas correos que percorren as rúas dacabalo dando vivas e facendo os seus atranques.
Tradición recuperada 
O Entroido dos Xenerais da Ulla remonta as súas orixes á primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese período: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas. Os oito concellos nos que se celebra o Entroido traballan conxuntamente na revitalización e promoción desta festividade dende o 2011.
As personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun “exército” de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón.
Toda a información e o programa do Entroido dos Xenerais da Ulla pode consultarse en www.xeneraisdaulla.com e nas distintas contas que o grupo dos oito Concellos está impulsando nas principais redes sociais para promocionar o evento: FacebookTwitter e Instagram.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies