Presentado o cartel do RapaSons de Sabucedo

0

A Estrada, 9 de xunho do 2018 – Davide Salvado, Fillos do estramonio, Festicultores e Liviao do Marrao serán os cabezas de cartaz do festival RapaSons 2018 que se celebrará un ano máis en Sabucedo.

O rapaSons comezará o venres 6 de xullo as 22.30 horas e presentado pola actriz Isabel Risco. Este festival enmárcase na programación da Rapa das Bestas de Sabucedo, que inclúe durante toda esa fin de semana outra ducia de actividades musicais, culturais e de entretemento. O sábado día 7 está programada a Sesión Vermú Petroni ás 14.00 horas coa Charanga Os Celtas, mentres que a música jazz chegará arredor das 17.00 horas da man de La rue. A continuación, antes da primeira rapa no curro, encargaranse de amenizar a espera as agrupacións folclóricas Tequexetéldere e Airiños de Caldelas. Xa pola noite, a verbena popular correrá a cargo das orquestras New York e América S.L., a partires das 23.00 horas.

O domingo día 8, Airiños de Caldelas repetirá actuación ás 11.30 horas, xunto con Manu, antes do comezo da segunda rapa ás 12.00 horas. Ao remate, ás 14.00 horas arrancará a Sesión Vermú Petroni, que estará amenizada por Festicultores e xa pola tarde a partires das 17.30 horas chegarán os contacontos de Polo Correo do Vento e o espectáculo de Monifates. Ademais, tanto na xornada do sábado como do domingo, a organización tamén programou xogos e actividades de animación con monitores nun espazo adicado aos máis cativos.

Ás 18.30 horas a música da foliada porana os grupos Tanto nos ten e Abrentes de Cerdedo e na verbena nocturna actuarán as orquestras Marbella e Miramar. Finalmente, o luns día 9, unha vez rematada a terceira rapa no curro, Airiños de Caldelas actuará arredor das 14.00 horas, antes do xantar e da solta dos cabalos ao monte, prevista para as 18.00 horas.

Por outra parte, o presidente da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, Henrique Bazal, informa que xa se poden mercar as entradas para os curros do sábado 7 (19.00 horas), do domingo 8 (12.00 horas) e do luns 9 (12.00 horas) de xeito anticipado a través da páxina web www.rapadasbestas.gal . Segundo indicou, na venda on line estarán dispoñibles 750 entradas para cada curro cos seguintes importes: o sábado e o domingo, 10 euros para as entradas xerais dos adultos e 5 euros para os nenos de 4 a 10 anos de idade, mentres que para o curro solidario do luns, 5 euros para os adultos e os nenos de balde.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies