Compostela, 19 de xaneiro do 2021 – Baía Edicións e a Dirección Xeral de Política Lingüística veñen de presentar o III Premio Fina Casalderrey de literatura infantil.
O acto tivo lugar no salón de actos do Pazo de San Roque e contou coa presencia de, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, a propia escritora, Fina Casalderrey, e Belén López de Baía edicións.
Durante a presentación o representante autonómico explicou que o Goberno galego apoia esta iniciativa co fin de promover entre as novas xeracións “a igualdade de xénero e a lectura en galego, pero tamén para contribuír a que a lingua propia de Galicia siga acompañando sempre os valores máis democráticos e máis positivos da sociedade”.
Neste sentido, Valentín García fixo tamén referencia a Fina Casalderrey, autora que lle dá nome ao premio, e á súa traxectoria “sempre comprometida con estas tres cousas: a literatura infantil e xuvenil, a lingua galega e os valores de igualdade”
Prazo ata o 8 de marzo
Os autores e autoras que queiran participar neste certame terán ata o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, para presentar orixinais escritos en galego de non máis de 5.000 caracteres que atendan ao concepto de literatura infantil, non sexista e coeducativa e que introduzan elementos críticos que cuestionen o modelo social sexista dominante.
A resolución do xurado darase a coñecer o 1 de xuño de 2021 e a obra gañadora, que será publicada por Baía Edicións, recibirá 2.500€.