Preséntase en Silleda o poemario infantil “Un mundo quentiño”

0

Silleda, 16 de xaneiro do 2019 – A Casa da Cultura de Silleda acolle este venres a presentación da colección de poemas infantís “Un mundo quentiño” de Mónica Varela e ilustrado por Amalia López Brea “Luchi”, veciña de Lamela.

A cita con “Un mundo quentiño” comeza as oito e media da tarde. No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, autora e ilustradora estarán acompañadas do escritor, investigador e crítico literario, Armando Requeixo, e do alcalde do Concello de Silleda, Manuel Cuíña.

Colaboracións

A publicación deste poemario contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o Concello da Estrada e o Restaurante Enxebre Porta do Sol de Lamela. Esta editado por Edicións Fervenza.

A obra

Dirixido ao público infantil, “Un mundo quentiño” constitúe un poemario no que, explorando o que nos rodea descubrimos un mundo sorprendente en todo aquilo que está ao noso carón: caracois nos estantes dos libros, landras e bugallos na alfombra do salón, formigas no chineiro da cociña… Buscamos tesouros nas cortizas das árbores, detrás das follas, nos balados… A fada da chuvia vén a mollarnos, collemos leña para acender o lume e asamos as castañas… Todo un mundo quentiño que, cada día, nos permite coñecer a maxia do cotián.

Para que esa maxia se traslade das verbas aos máis cativos, cada un dos poemas acompáñase de fermosas ilustracións realizadas por Amalia López, “Luchi”.

Luchi

A ilustradora

Amalia López Brea “Luchi”, naceu na parroquia de Lamela, no Concello de Silleda. Licenciada en Bioloxía e diplomada en Maxisterio é unha apaixonada da pintura. A súa obra abarca óleos, acuarelas, pasteis graxos, carboncillo e lapis de cor.

Participou con ilustracións en distintas publicacións tanto no campo musical como infantil e de adultos: no disco-libro Cantos para nenos e nenas de María do Ceo; Cartafol poético da Porta do Sol de Lamela; no poemario infantil Versos e bolboretas de Mónica Varela Gestoso; e no disco-libro A Estrada da vida de Xosé Luna e Manoele de Felisa.

A autora

Mónica Inés Varela Gestoso, naceu na parroquia de San Miguel de Deiro no concello pontevedrés de Vilanova de Arousa o 30 de novembro de 1968.

Cursou estudos superiores na Universidade de Santiago de Compostela onde se licenciou en Filoloxía Hispánica no ano 1991. Na actualidade reside en Teo e exerce como profesora de Lingua e literatura castelá no IES Manuel García Barros da Estrada. Deuse a coñecer no panorama poético galego coa obra Soños de nenos (Edicións Embora, 2017), coa que acadou o Premio Arume de poesía para nenos 2015, outorgado pola Fundación Xosé Neira Vilas. Versos e Bolboretas, dirixida tamén ao público infantil e publicada por Edicións Fervenza, foi a súa segunda obra.

Mónica Inés Varela

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial