A presidenta do CSIC visitou os centros CIQUS e CIMUS da USC

0

Compostela, 16 de xullo do 2018 – Dous dos centros de investigación de referencia da USC, o CIQUS e o CIMUS, recibiron hai uns días a visita da presidenta do CSIC, Rosa Menéndez.

A responsable do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC)  acudiu a Compostela para asistir o pasado venres a reunión das comisións reitoras dos Centros Singulares de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), ambos os dous do Campus de Excelencia Internacional Campus Vida da USC.

A xuntanza, que presidiu o reitor Antonio López, participaron tamén o vicerreitor de Investigación, Vicente Pérez Muñuzuri; o xerente da USC, Xavier Ferreira; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez; o director científico e a directora adxunta do CiQUS, José Luis Mascareñas e Dolores Pérez; o director do CiMUS, Carlos Diéguez; e o director de Xestión e Valoración de I+D+i, Rogelio Conde-Pumpido.

Visita aos centros

A xornada da presidenta do CSIC comezou a primeira no Campus Vida cunha visita ao CiQUS, que percorreu co vicerreitor Muñuzuri, o coordinador institucional do CSIC en Galicia, Eduardo Pardo de Guevara, e José Luis Mascareñas e Dolores Pérez. Alí mantiveron unha xuntanza con persoal investigador e coñeceron as excelencias dun centro que ten como obxectivos científicos a aplicación de estratexias transdisciplinares para resolver cuestións relevantes no ámbito da saúde, a ciencia de materiais e o desenvolvemento de novas tecnoloxías transformadoras e sostibles.

O centro conta cunhas instalacións punteiras no seu campo nas que traballan unha vintena de grupos de investigación en proxectos que dan resposta a tres áreas temáticas fundamentais, apoiadas transversalmente polas de química estrutural e de química computacional, e que son a química biolóxica e médica, os materiais funcionais de interese tecnolóxico e as tecnoloxías sintéticas para un desenvolvemento Sostible.

Deseguido, a comitiva trasladouse ao CiMUS, onde a recibiu o seu director e no que Rosa Menéndez tamén tivo ocasión de falar con algúns dos máis de trinta investigadores principais que alí traballan cos seus equipos. As principais liñas de estudo do centro xiran en torno a cancro, endocrinoloxía e nutrición, cardiovascular e neurociencia, así como xenética e xenómica funcional, terapias experimentais e bioestatística. Entre as instalación coas que conta, todas do máis alto nivel, figuran unidades de cultivos de células, de imaxe e microscopía confocal, de proteómica, de microdisección por láser, de xenotipado, de visualización de tumores en vivo e de proxección farmacolóxica.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies