займ срочно

Boa acollida da primeira Feira Rosalía

0

Compostela, 1 de outubro do 2017 – Camisolas, pandeiretas, chaveiros, cadros, cerámicas, libros, cuncas, cervexa… A Feira Rosalía reuniu todo tipo de produtos cos versos, co rostro e coa figura da poeta e escritora galega.

A Feira Rosalía formou parte do Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Fundación Rosalía de Castro.

Despois da Gala Rosalía, celebrada o venres no Teatro Principal de Santiago de Compostela, a Feira Rosalía acolleu un total de 17 produtores e produtoras que expoñen as súas creacións con “marca Rosalía” e que “levan anos espallando os versos, a imaxe e a figura” da poeta e escritora galega, indicou a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín.

Na inauguración da Feira estiveron presentes Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela, Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía.

Entre os e as produtoras atópanse: Animosa. Alma y Coraje, As galegas. Cervexa ecolóxica, BOH Galicia, Cerámica Regal, Deica! Creacións, Imprime 3D, Irene Silva (Galiestampa), Libraría Pedreira, Libraría de Mulleres Lila de Lilith, Libraría Couceiro, Nikis Galicia Style, Obradoiro A Candelaria, OZOCOgz, Rei Zentolo, Rosalianas, Son Humanita e Studio Variopinto.  

Ademais de produtos rosalianos, as persoas asistentes puideron desfrutar de espectáculos de música e teatro de rúa durante todo o día. Ás 11 horas da mañá, comezou o festival cun concerto inaugural a cargo da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, “a mesma que hai 100 anos acompañou o cortexo para a inauguración da estatua de Rosalía da Alameda” lembrou ó público Goretti Sanmartín.

A xornada rematou ás 20 horas pondo así fin a dous días de celebración do Festival Rosalía, unha iniciativa que conmemora o centenario da inauguración do monumento da Alameda.

 O Festival deu comezo na tarde do venres, no Teatro Principal, ás 21 horas, coa Gala Rosalía, para a que as entradas levaban días esgotadas. Abe Rábade xunto con Nastasia Zürcher, Najla Shami, Uxía Senlle con e Sérgio Tannus e Santi Cribeiro, e Xiana Lastra con Andrea Porto foron os e as artistas que deleitaron ó público con pezas vencelladas coa poeta e escritora galega. Na gala tampouco faltou a poesía que chegou da man de voces como a de Anxo Angueira, Cesáreo Sánchez Iglesias, Marta Dacosta e Rosalía Fernández Rial. A tamén poeta e actriz Lorena Conde presentou esta gala que estivo dirixida por Avelino González.  

Ademais, a gala contou coa presenza de Sara Maroto, quen coincidiu con Rosalía na emigración en Arxentina e que leu un poema.

O obxectivo destes dous días de celebración do Festival Rosalía é “espallar e difundir a imaxe dunha Rosalía comprometida, ligada á terra” xa considerada como “a nosa imaxe, símbolo nacional”, concluíu Goretti Sanmartín.

 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies