En Maio celebraranse as primeiras Xornadas Gastronómicas Padrón Literario

0

Padrón, 9 de marzo do 2018 – A Concellería de Cultura e Turismo de Padrón prepara para maio as I Xornadas Gastronómicas Padrón Literario nas que está aberta a inscrición ata o 15 de marzo.

Padrón Literario é unha nova iniciativa coa que se quere dar un contido especial ao mes tradicionalmente das letras, o mes de maio. A concelleira de cultura, Lorena Dopazo, invita aos hostaleiros a sumarse preparando “menús literarios” ou “petiscos literarios”. No caso dos “Menús literarios”, os establecementos que queiran adherirse poderán facelo ata o 15 de marzo, comprometéndose a crear un menú cun prezo pechado de 25 euros por persoa e que inclúa entrante/s, un prato principal, sobremesa e bebidas; este menú deberá ser elaborado con materias primas da gastronomía local, de xeito tradicional ou creativo, pero centrándose sempre na temática cultural e literaria. Estes “Menús literarios” deberán estar dispoñibles para os clientes os días 4, 5, 6, 11, 12, 13, 17, 18, 19 e 20 de maio, coa finalidade de que o Concello de Padrón poida publicitalos debidamente dentro dunha campaña conxunta para todos os establecementos adheridos a estas xornadas.

Por outra banda, tamén para o mes de maio, concretamente os días 4, 5, 11, 12, 17, 18 e 19, desenvolverase o concurso de “Petiscos literarios”, no que os establecementos participantes deberan preparar un petisco, cun prezo de 2 euros, baseado nos vínculos de Padrón co mundo da literatura, ben a través dos propios ingredientes, ben na decoración ou ben na forma de presentar o petisco para a súa degustación. Ademais, de forma optativa, poderán engadir na súa oferta un petisco infantil orientado especificamente aos máis pequenos. Os locais interesados en apuntarse neste concurso de “Petiscos literarios”, poderán facelo tamén ata o día 15 de marzo na Oficina de Turismo.

Padrón e a literatura

Lorena Couso salienta que a vila de Padrón está “indisolublemente asociada ao mundo da literatura” grazas a persoeiros como Rosalía de Castro, Camilo José Cela, Macías o Namorado, Manuel Barros ou Nicasio Pajares, entre outros moitos. Partindo desta “riqueza cultural endóxena”, o Concello de Padrón pretende instaurar un evento anual cun amplo programa de actividades no mes de maio, “o mes das letras”, contando coa implicación da Fundación Rosalía de Castro, a Fundación Pública Galega Camilo José Cela e abrindo tamén a participación aos establecementos do sector da hostalaría.

 Para calquera consulta acerca da organización e desenvolvemento das propias xornadas e das actividades gastronómicas, os hostaleiros deben contactar co técnico de Turismo, Alberto Rey, no teléfono 646 593 319 ou no enderezo electrónico turismo@padron.gal.

Grupo de whatsapp

Por outra banda, o Departamento de Turismo informa que vén de crear sendos grupos de whatsapp cos establecementos da hostalaría e o comercio como “canle de comunicación e traballo máis rápido e cómodo para manter unha interlocución máis rápida e produtiva”. Nestes grupos difundirase todo tipo de información de interese para ambos sectores, se ben continuarase mantendo o envío por correo electrónico para que os usuarios que non utilicen esta aplicación de mensaxería sigan informados.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies