займ срочно

Programación do Centro Dramático Galego polo Día das Letras Galegas

0

Compostela, 15 de maio do 2019 – O Centro Dramático Galego (CDG) ten preparado un intenso programa de actividades durante esta semana para conmemorar o Día das Letras Galegas na súa sede do Salón Teatro de Santiago.

A carteleira do Centro Dramático inclúe os espectáculos de Redrum Teatro A nena que quería navegar, Contos do recreo e Invisibles, este último realizado en coprodución coa compañía da Xunta, que para o propio día 17 organizou, así mesmo, unha xornada de portas abertas e o inicio dunha nova edición do ciclo Teatro Ob-sceno.

A denuncia social é o común denominador das tres montaxes coas que Redrum Teatro se presenta desde ata o domingo en Santiago. Tanto en A nena que quería navegar como en Contos de recreo, o obxectivo é reforzar a autoestima do alumnado fronte ao acoso escolar. Con este fin, programáronse tres pases matinais concertados con centros escolares: onte martes e hoxe mércores coa primeira das pezas e o xoves coa segunda delas, que tamén poderá verse o venres 17 nunha función para público familiar ás 18,00 h.

Álex Sampayo é o director de ambas as pezas, mentres que Marián Bañobre se puxo á fronte de Invisibles, para a que Redrum contou co apoio da Consellería de Cultura e Turismo a través do programa de coproducións do Centro Dramático Galego. O espectáculo, que se representa o sábado 18 ás 20,30 h. e o domingo 19 ás 18,00 h., aborda e denuncia a lacra da violencia de xénero a partir dos sete testemuños reais recollidos no libro homónimo da xornalista Montse Fajardo.

Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez danlle voz en escena a estas mulleres nunha proposta na que, a partir da invisibilidade do maltrato e da posible inconsciencia das vítimas, as historias van saíndo á luz e confrontando ao público coa finalidade de facer saltar as alarmas e provocar reaccións.

O teatro por dentro

Ademais, como en anos anteriores, o CDG súmase á celebración do Día das Letras Galegas cunha nova entrega do seu programa de portas abertas Qué se agocha tras o pano?, que desta volta acompáñase dunha cita de Antón Fraguas, autor homenaxeado en 2019: “Para facer o pan había que moer o millo”.

A través de tres quendas de visitas guiadas (ás 10,30, 12,00 e 13,30 h.), o público terá a oportunidade de coñecer o funcionamento do teatro por dentro. A asistencia é gratuíta, previa reserva nos teléfonos 881 867 229 / 226 ou no enderezo electrónico centro.dramatico.galego@xunta.gal.

O punto de encontro será o exterior do Salón Teatro, no número 34 da rúa Nova de Santiago, onde os asistentes apreciarán a evolución do edificio, desde a súa primeira reconstrución en 1919 como salón cinematográfico ata a adquisición do inmoble pola Xunta de Galicia e as derradeiras reformas a finais dos anos noventa do século pasado, que o levaron á súa recuperación como espazo escénico. Os grupos, dun máximo de 10 persoas, percorrerán tamén estancias como os camerinos, a lavandaría ou a xastraría, ademais de acceder a espazos máis técnicos do teatro.

Accións en espazos diferentes

Parte destas dependencias abriranse igualmente para a terceira edición do ciclo Teatro Ob-sceno. Desta volta, os camerinos, as oficinas e a biblioteca acollerán do venres 17 ao domingo 19 as pezas Váter de Sal do Teatro, Margarita de Teatro En Punto e Sorpresa de Enconarte. Nas tres sesións, programadas ás 19,00 h. o venres e sábado e ás 20,30 h. o domingo, o público irá percorrendo as devanditas estancias para gozar dunha peza en cada unha delas.

O ciclo terá continuidade na fin de semana do 24 ao 26 de maio coas propostas Alicia morreu de sobredose de Rinoceronte Teatro, Sofía de Inversa Teatro e Pulso de Teatro En-Trance.

Tanto as entradas para Teatro Ob-sceno, cunha capacidade máxima de 15 persoas por sesión, como para as funcións de Contos do recreo e Invisibles poden adquirirse por adiantado no web entradas.abanca.com ou no teléfono 902 434 443. Tamén estarán á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto desde dúas horas antes das representacións.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies