Protestas contra a mina no pleno de O Pino e en Londres no mesmo día

0

Bisbarra, 28 de xuño do 2018 – A oposición a mina de Touro o Pino duplícase para estar no pleno de O Pino, que rexeita unha moción contraria ao proxecto, e na xunta de accionistas de Atalaya Mining en Londres, sorprendendo con pancartas aos que acudían ao recinto onde se celebraba.

Este mércores Óscar Vilar Chento (PSdeG) e José Luís Vidal Brocos (BNG), concelleiros en O Pino,  presentaban de novo unha moción instando ao goberno local a rexeitar o proxecto de mina e a esixir a restauración dos danos causados pola explotación abandonada no ano 1986. A moción chegaba despois de que se coñeceran os últimos informes sectoriais, na maioría desfavorables, pero atopouse coa negativa do alcalde, Manuel Taboada, e do grupo popular que dixeron non coñecelos por non estar persoados e votaron en contra quedando a proposta rexeitada.

O contido dos informes sectoriais emitidos polos técnicos da Xunta xa coñecidos, que o goberno local de O Pino di descoñecer, deixa constancia dos numerosos aspectos negativos e deficiencias que presenta o proxecto de Cobre San Rafael.  Segundo os técnicos da Xunta de Galicia, as explotacións gandeiras “poden ver afectados tanto o subministro como a calidade da auga da que se abastecen ao producirse a destrución dos acuíferos e a contaminación química derivada da disolución química e arrastre dos diferentes compostos químicos na auga de chuvia”; “as explosións e voaduras poden repercutir no benestar animal”; “pode ocasionar unha intoxicación por cobre na gandaría”; respecto ás voaduras “non se fai unha avaliación detallada sobre o seu impacto na poboación”; “non se fai unha avaliación dos posibles materiais radioactivos naturais que se poden atopar asociados ao cobre na explotación (uranio, torio e radio e produtos da súa desintegración, como o radon)”. 

O informe de Medio Ambiente, dos máis contundentes, fala tamén de “inconcrecións“, “incongruencias”, e de “cuestións non tratadas que precisan dunha argumentación con base científico-técnica sólida e contrastada” respecto da impermeabilización dos residuos perigosos. Son os datos que utiliza a Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON para opoñerse ao proxecto, pese as acusacións, precisamente e paradóxicamente, de Cobre San Rafael de facelo con “argumentos sen base técnica”.

Pancartas en Londres

A Xunta de accionistas de Atalaya Mining, celebrada este mércores en Londres, atopouse na entrada con varios membros de organizacións contrarias aos proxectos da multinacional en España que mostraban con pancartas a súa oposición. Acompañado por membros de London Mining Network, Contraminacción, Ecologistas en Acción, The Gaia Foundation e Yest to life no to mining, Luis Gallardo, representando á Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON interveu ante os accionistas explicando que “Atalaya di que ten o apoio do goberno galego e tamén o apoio das comunidades locais. Isto é completamente falso”. Continuou facendo referencia ás incompatibilidades e deficiencias nomeadas nos informes sectoriais da Xunta de Galicia resaltando que “incluso o Instituto Geológico y Minero de España expresou dúbidas acerca das estimacións económicas” e que “a manifestación de Santiago de Compostela contou coa participación de políticos de tódolos partidos, incluso do que está no goberno”. Para concluír que “o proxecto mineiro de Touro non é realista”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial