Saen a licitación tres proxectos do Plan Único da Deputación en Oroso

0

Oroso, 7 de decembro do 2017 – O Boletín Oficial da Provincia publica a licitación de tres proxectos financiados a través do Plan Único da Deputación no Concello de Oroso.

Estes proxectos que consistirán na creación de beirarrúas tanto no Camiño do Refuxio como na Rúa do Barreiro, e na construción dun paso cuberto nos terreos do colexio infantil de Sigüeiro.

Estas tres obras supoñen un investimento de máis de 237.580 euros por parte da Deputación da Coruña, que este ano destina un total de 904.140,17 euros ao Concello de Oroso dentro do seu Plan Único.

Ademais das obras que saen a licitación, o Concello tamén decidiu financiar cos fondos provinciais a mellora da rede viaria en Trasmonte, Vilarromarís, A Gándara e Calvente, e a reurbanización da Rúa Tras da Torre (Sigüeiro). Neste sentido, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, lembra que “unha vez máis, e como vén sendo habitual no Concello de Oroso nos últimos anos, destinamos integramente os plans provinciais a investimentos en beneficio dos nosos veciños e veciñas, sen ningunha reserva económica para gasto corrente”.

Seguridade viaria e accesibilidade

A maior parte dos fondos do Plan Único en Oroso destinaranse a melloras na rede viaria municipal, que contribuirán a mellorar a seguridade tanto dos viandantes como do tráfico rodado e a eliminar as barreiras arquitectónicas. Neste sentido, no Camiño do Refuxio as obras consistiran na reurbanización de todo o trazado da rúa, desde o enlace coa DP-3801 ata o cruce co viario que conduce ao refuxio de pescadores. Na actualidade, este espazo se atopa en mal estado de conservación e non dispón nin de canalizacións soterradas nin dun espazo destinado ao tránsito peonil.

As obras a executar consistirán fundamentalmente na demolición dos pavimentos actuais, que se renovarán dispoñendo aglomerado asfáltico na calzada, e na creación de beirarrúas a ambos lados, que terán un ancho aproximado de 2 metros. A Deputación aporta 84.638 euros para a execución destes traballos, o que supón preto dun 70% do orzamento total, que se sitúa en 125.768 euros. Así mesmo, executaranse as redes de saneamento e iluminación pública e as canalizacións para electricidade e telecomunicacións. Deste modo, substituiranse as instalacións aéreas e os postes de madeira e formigón que se sitúan ao longo da rúa.

Na Rúa do Barreiro, situada no centro urbano de Sigüeiro, a Deputación inviste outros 70.299 euros para executar beirarrúas, de tal forma que os veciños desta zona se poidan trasladar camiñando sen invadir a calzada e acceder aos centros educativos con seguridade. As novas beirarrúas estenderanse 105,10 metros na marxe dereita e 49,35 na esquerda, e terán un ancho mínimo de 2 metros. As obras tamén incluirán a renovación da capa de rodaxe da calzada e a eliminación das barreiras arquitectónicas, asegurando a accesibilidade universal.

Melloras no CEIP de Sigüeiro

Así mesmo, a Deputación destina 82.644,8 euros ás obras de construción dun paso cuberto nos terreos do CEIP de Sigüeiro. Esta estrutura conectará os campos e pistas deportivas do patio do colexio, conducindo desde a parte traseira do centro educativo ata o polideportivo municipal. O paso cuberto estará formado por dous corpos de forma trapezoidal, realizados en formigón armado, que se apoiarán sobre piares metálicos ancorados ao terreo. Para garantir a súa resistencia e conservación, estará cuberto con lousas, tamén de formigón armado, e estará rematado con pintura impermeable

Complementariamente, tamén se realizará o solado da zona cuberta polo paso e se executará unha rede de evacuación de augas pluviais, composta por entubado de PVC e arquetas sumidoiros estratexicamente situadas. Está previsto que as obras teñan unha duración aproximada de tres meses desde o inicio dos traballos. Unha actuación que o Concello de Oroso leva anos reclamando da Xunta de Galicia e que, tras numerosas negativas da Administración Autonómica a afrontar esta infraestrutura, finalmente optou por incluíla no Plan Único.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies