займ срочно

A Real Filharmonía de Galicia volve aos barrios de Compostela

0

Compostela, 11 de setembro do 2018 – A Real Filharmonía de Galicia ten entre as súas prioridades achegar a orquestra e a música clásica a toda a cidadanía e ao longo desta temporada están previstas unha serie de actuacións na rúa e noutros espazos diferentes á sede da orquestra, o Auditorio de Galicia.

Como primeiro paso en este sentido a Real Filharmonía inicia este mércores un ciclo de concertos gratuítos ao aire libre en barrios emblemáticos da cidade, baixo a batuta do xove mestre polaco Jan Wierzba.  Ao longo da semana celebraranse un total de catro actuacións, que terán lugar o mércores 12 na Praza Aurelio Aguirre de Conxo; o xoves 13 na Praza Roxa; o venres 14 en Fontiñas, na Praza de Europa (Área Central); e o sábado 15 na Praza de Abastos. Cada unha destas citas musicais comezará ás 19:00 horas, agás o concerto do sábado na Praza de Abastos, que terá lugar ás 13:00 horas.

Obras moi populares para todos os públicos

A Real Filharmonía de Galicia achegará ao público unha selección de obras clásicas e románticas moi populares. Así, os concertos comezarán coa abertura de As vodas de Fígaro de Mozart (1756-1791), unha das pezas máis destacadas do repertorio operístico, na que se pon de manifesto os privilexios da nobreza en confrontación cos do pobo. De seguido a orquestra tocará a Serenata en mi menor de Edward Elgar (1857-1934), unha das obras favoritas do compositor británico, que lla dedicou á súa esposa con motivo do seu aniversario de voda.

Os asistentes tamén poderán escoitar as Danzas romanesas de Béla Bartók (1881-1945), moi interesado pola música tradicional dos países europeos, recompilándoa e rendéndolle homenaxe nas súas composicións. Nesta obra cada movemento representa un baile diferente orixinario de Romanía.

Os concertos rematarán con varios fragmentos de O soño dunha noite de verán de Felix Mendelssohn (1809-1847), que se inspirou na obra de teatro homónima de William Shakespeare. O compositor tivo acceso á obra do dramaturgo inglés aos 17 anos e a esa idade compuxo unha Abertura baseada na mesma, logrando un resultado prodixioso. A peza non quedou completada ata 18 anos máis tarde.

A batuta de Jan Wierzba

Natural de Polonia e educado en Oporto, na actualidade o mestre Jan Wierzba destaca como un dos directores máis prometedores en Portugal. Ten dirixido boa parte das orquestras no país luso e tamén no Reino Unido, Holanda, Alemaña, Polonia, República Checa, Estonia ou México. En 2015 foi un dos semifinalistas no Concurso de Dirección de Orquestra Georg Solti en Frankfurt. É director artístico e titular do Ensemble MPMP, da Orquestra Clássica do Centro e da Orquestra de Câmara de Almada, así como director asistente da Orquestra Filharmónica dos Países Baixos. Rematou o Mestrado en Dirección no Royal Northern College of Music e estudou Dirección de Orquestra e Dirección de Ópera en Alemaña.

 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies