займ срочно

A Real  Filharmonía e a Banda Municipal de Santiago ofrecen este venres un concerto conxunto

0

Compostela, 8 de maio do 2018 – A Real  Filharmonía de Galicia e a Banda Municipal de Música de Santiago  ofrecen un concerto conxunto este venres na praza da Quintana, no marco das festas da Ascensión.

A actuación, que será gratuíta, servirá para conmemorar o 170º aniversario da Banda Municipal. Comezará ás 20:30 horas e, en caso de choiva, trasladarase ao Auditorio de Galicia. Dirixirán o conxunto Maximino  Zumalave, director asociado da  RFG e  Casiano Mouriño, director da Banda. Para asistir a este concerto será necesario retirar invitación no Teatro Principal; estarán dispoñibles no despacho de billetes en horario de 18:00 a 21:00 horas.

É a primeira vez que ambas as agrupacións comparten escenario simultaneamente, debido a que “non é moi habitual ver actuar xuntas a unha orquestra e unha banda, é algo extraordinario”, destaca  Casiano Mouriño. O director da Banda explica que “eliximos un repertorio especial para a ocasión, moi variado en épocas e estilo e, aínda que foi complexo adaptar as partituras, estamos moi orgullosos de colaborar coa Real  Filharmonía de Galicia e con Maximino  Zumalave nesta marabillosa experiencia”.

O concerto comezará co Entroido romano de  Hector  Berlioz, inspirado nas festas de Entroido en Roma, coa que se transmitirá un gran ambiente festivo.

Real Filharmonía de Galicia

Unha obra do trinque, centrada nas bombas de  Hiroshima e  Nagasaki

A continuación estrearase a obra  What  do  you  think  about  the  dropping  of  atomic  bombs  in  Hiroshima &  Nagasaki? (Que pensas sobre o lanzamento das bombas atómicas en  Hiroshima e  Nagasaki?), un encargo da Banda Municipal de Música de Santiago ao compositor galego  Antón Alcalde (Rianxo, 1992). Trátase dunha obra de 15 minutos de duración, escrita para gran orquestra e electrónica. Tal como explica o autor, “o título é unha declaración de intencións. Unha pregunta formulada para a reflexión moral como especie e como parte dun ecosistema maior: Que opinas do emprego de bombas atómicas sobre poboación civil e ecosistemas biolóxicos concretos?, Que opinas sobre que, 73 anos despois do holocausto de  Hiroshima e  Nagasaki, a humanidade dispoña dun arsenal nuclear estimado en máis de 16.000 proxectís, cunha capacidade de destrución unhas 3.300 veces superior ás detonadas en agosto de 1945?”. Con estas preguntas en mente, a obra toma como punto de referencia os Paneis de  Hiroshima, dos artistas xaponeses  Iri e  Toshi  Maruki. Dos quince paneis que conforman esta colección, o galego seleccionou cinco para compoñer esta peza, dispostos como micro-movementos interconectados e ordenados cronoloxicamente: pantasmas, lume, auga, arco  iris e deserto atómico. “Cada movemento representa un microcosmos,  extrapolado da impresión causada pola observación de cada panel, que tiven a sorte de contemplar na exposición ofrecida polo Museo de Arte Contemporánea de  Hiroshima en 2014” -indica o compositor-.

Banda Municipal de Santiago – Oscar Corral

Un programa festivo cun final triunfal, a Abertura 1812 de  Chaikovski

O público terá ademais a oportunidade de gozar co Danzón  nº 2 do mexicano Arturo Márquez, unha obra influenciada polo  danzón, os ritmos populares e a música mexicana de concerto. Logo soará o popular pasodobre  Puenteareas do galego  Reveriano  Soutullo. E a cita concluirá coa Abertura 1812 de  Chaikovski, escrita orixinariamente para banda e orquestra, unha obra romántica composta para conmemorar a vitoriosa resistencia rusa fronte ao gran exército de  Napoleón  Bonaparte; recoñecida especialmente polo seu final triunfal, que inclúe unha salva de disparos de canón e  repique de campás.

Unha Banda cunha traxectoria de 170 anos

A Banda Municipal de Música de Santiago é unha das máis antigas e destacadas de Galicia e do resto de España. Naceu en 1848 e ao longo da súa historia estivo moi presente na vida cultural de Compostela, celebrando concertos públicos, participando en numerosos actos organizados polo  Concello, asistindo a procesións de Semana Santa e a outras festas da cidade. Na actualidade a Banda acode á súa cita cos composteláns cada domingo, ofrecendo concertos onde se pode gozar dun repertorio que vai desde o pasodobre ata obras sinfónicas, pasando pola música tradicional. Está dirixida polo mestre  Casiano Mouriño e ten a súa sede no Auditorio de Galicia. Dentro do seu traballo cotián, segue enriquecendo o seu variado repertorio, desde numerosas transcricións de obras clásicas de compositores de todas as épocas, zarzuelas, ata obras sinfónicas específicas para banda de compositores actuais en especial de autores galegos; xunto ao seu labor didáctico para centros educativos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies