A Real Filharmonía de Galicia celebra o Día das Letras Galegas cun concerto de balde

0

Compostela, 16 de maio do 2017 – A Real Filharmonía de Galicia vai ofrecer dous concertos esta semana para conmemorar o Día das Letras Galegas en Santiago e Ourense.

O de Compostela terá lugar o xoves 18 no Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. A actuación será de balde xa que está promovida polo Consello da Cultura Galega. A dirección correrá a cargo do director asociado da Real Filharmonía o mestre compostelán Maximino Zumalave e contarase ademáis coas voces do Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia, que dirixe Daniel García Artés.

Os concertos comezarán coa popular Alborada do compositor galego Pascual Veiga (1842-1906) e Lonxe da terriña do lucense Juan Montes (1840-1899), ámbalas obras arranxadas polo vigués Juan Durán. De seguido a orquestra tocará Suite sobre cantos populares gallegos do compositor catalán Enrique Granados (1867-1916). E logo o público poderá gozar con varios fragmentos de Cantata das cantigas de Rogelio Groba (1930).

Estrea de “Formiga”, homenaxe a Carlos Casares

Os concertos de Ourense e Santiago concluirán coa estrea da obra Formiga, do compositor lucense Rubén Vizcaíno (1978), escrita sobre un texto do libro “A galiña azul” de Carlos Casares por encargo do Consello da Cultura Galega. O xove músico estudou piano no Conservatorio de Lugo e composición na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia. Tamén estudou composición electroacústica e composición para cine e televisión. Ten un profundo interese na música vocal, sendo autor de todos os poemas empregados nas súas obras. E tamén creador de música para videoxogos.

“A galiña azul” é un dos libros máis populares do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. É unha das primeiras obras editadas en galego para o público infantil, un texto pioneiro no que Casares transmite, baixo a aparencia de conto para nenos, a súa habitual mensaxe contra a intolerancia e a inxustiza.

As voces do Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia

O Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia presentouse en público por primeira vez en xuño de 2005 na Coruña. Ademais de colaborar nos concertos co Coro e a Orquestra Sinfónica de Galicia, ofrece con regularidade actuacións a capela en diferentes localidades da comunidade galega.

Obtén o Primeiro Premio no concurso da Fira de Tots Sants de Cocentaina (Alacante) en 2007, así como o Premio do Público e o Segundo Premio do Concurso Nacional de Corales Antonio José en Burgos en 2008.

Está integrado por 35 mozos e mozas de entre 13 e 21 anos. Na actualidade exerce os labores de Dirección Musical do coro o mestre Daniel García Artés.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies