займ срочно

A Real Filharmonía de Galicia acompañará este xoves a Uxía na Quintana

0

Compostela, 19 de xullo do 2017 – A Real Filharmonía de Galicia participa un ano máis nas celebracións das festas do Apóstolo, conmemorativas do Día de Galicia, acompañada da voz de Uxía

A compostelá praza da Quintana acollerá este xoves, 20 de xullo, un concerto dirixido polo mestre titular da agrupación, Paul Daniel, ás 21:00 horas. En caso de choiva, a actuación trasladarase ao Auditorio de Galicia.

Os músicos acompañarán á voz da cantante Uxía Senlle, que interpretará unha selección de cancións que repasan a súa traxectoria de 35 anos enriba dos escenarios, arranxadas para orquestra pola compositora galega Zeltia Montes.

na presentación o alcalde salientou que se trata dun “concerto especial, tanto é así que xa están todas as prazas esgotadas. Explotamos unha liña impulsada dende hai tempo pola Real Filharmonía de Galicia, centrada na mestizaxe da orquestra con músicos e artistas contrastados. Nesta liña, esta colaboración con Uxía vai ser unha maridaxe musical moi potente. A cantante galega por excelencia cunha orquestra do nivel da RFG e ademais dirixida por Paul Daniel, sen dúbida un dos pratos fortes das festas”.

Paul Daniel: “Espero que sexa unha festa marabillosa”

Pola súa parte, Paul Daniel indicou que “na RFG estamos sempre a buscar novas experiencias e con Uxía será unha grande experiencia. Eu son un grande admirador seu, fai soar as cancións cada vez como se fosen novas. Non vai ser o típico concerto de música clásica. Este ano eu quería facer algo diferente e Uxía aportará un bonito contraste. Será ademais un concerto onde Europa entre en Santiago. Nestas datas a cidade está chea de xente de todo o mundo e a través deste concerto trataremos de reflectir ese xeito diferente e mirar”.

Ademais das cancións de Uxía, a orquestra achegará ao público outras tres obras. Trátase da Marcha española, de Johann Strauss; varios fragmentos de Le Cid Suite, de Jules Massenet, e Libertango, do compositor arxentino Astor Piazzolla. Tal como explicou Paul Daniel, son tres xeitos de mirar e interpretar o noso país e a nosa cultura da man dun compositor austríaco, dun francés e dun arxentino. “Espero que sexa unha festa marabillosa”, manifestou o director.

As cancións máis populares de Uxía

“Esta é a miña primeira experiencia sinfónica. Tiña moitísimas gañas, pero hai que agardar o momento axeitado. E o axeitado é acercar a orquestra aos lugares e á xente”, sinalou Uxía. Achegará un repertorio moi popular, as súas cancións máis emblemáticas e representativas. “Busquei que encaixaran ademais na Quintana e que xente de todo o mundo coñeza a nosa identidade, a nosa esencia”. Así, o público terá a oportunidade de escoitar temas como “Túa nai é meiga”, “Unha noite na eira do trigo”, “Ramo verde”, “Verdes sao os campos”, “Alalá das Mariñas” ou “Bos amores”, entre outros.

As cancións foron adaptadas para orquestra pola compositora galega Zeltia Montes, que reside en Los Ángeles. “O resultado é magnífico, xuntar a visión da música culta coa música popular. É moi emocionante. A Real Filharmonía de Galicia é un referente e vai ser unha noite bonita para celebrar a nosa música e as festas do Apóstolo”, manifestou.

Uxía é considerada a gran dama da música galega e unha das maiores divulgadoras da súa poesía. Nas súas máis de tres décadas de carreira artística renovou a música tradicional galega, conectándoa coas culturas atlánticas, mesturando alalás (a forma de música tradicional galega máis antiga e característica) con morna, fado e ritmos brasileiros. O seu traballo representa un punto de encontro de diferentes culturas, creando un repertorio a través das súas continuas viaxes e intercambios con músicos de Brasil, Portugal, Cabo Verde ou Guinea-Bisáu como João Afonso, Dulce Pontes, António Zambujo, Rui Veloso ou Tito Paris. Ao longo destes anos publicou un total de doce discos, polos que recibiu importantes recoñecementos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies