Rematadas as obras na praia de Testal en Noia

0

Noia, 11 de xullo do 2019 –  O alcalde de Noia, Santiago Freire, e o xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, visitaron a contorna da praia do Testal, onde veñen de rematar as obras de reordenación ambiental do litoral noiés.

O proxecto do Testal foi encargado a Tragas pola Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar e supuxo un investimento de 375.039,21 euros nos últimos seis meses.

Santiago Freire e Rafael Eimil estiveron acompañados polos concelleiros noieses Ángela Neri, Mariola López Cierto e Martín Fernández Godón, así como por enxeñeiros de camiños da Demarcación de Costas e da empresa adxudicataria, que comprobaron sobre o terreo as actuacións executadas na zona.

Santiago Freire, e Rafael Eimil, na praia do Testal,Santiago Freire destaca que se trata dunha inversión “para mellorar a contorna paisaxística e promover o uso dun espazo que antes era un antigo vertedoiro e que, pouco a pouco, se vai acondicionando e rexenerando para habilitar esta zona para actividades deportivas, de paseo e de sendeirismo”. Neste sentido, o alcalde noiés sinala que “estas sendas do Testal están entrelazadas coa ponte sobre a Ría e que remata en Río do Porto, onde ten continuidade ata Abruiñeiras, onde se van seguir facendo actuación. Isto significa dispoñer unha zona para o paseo e o deporte nunha contorna moi próxima ao casco urbano de Noia”.  

Reordenación ambiental

O proxecto de reordenación ambiental do litoral no Testal supuxo a creación dunha pasarela peonil de 770 metros entre a praia e a lonxa, seguindo o trazado da estrada. Unha pasarela elevada en plástico reciclado que imita á madeira e dun ancho de 1,5 metros. “Ademais de mellorar a seguridade dos peóns, tamén impide que se fagan estacionamentos sobre o areal, preservando este espazo”, explica Freire Abeijón. Durante as próximas semanas, o Concello de Noia procederá á instalación de tres bancos na zona e enviará a operarios municipais para a limpeza do lugar e para iniciar a revexetación da zona.

Finalmente, a actuación inclúe dúas zonas para o estacionamento seguro de vehículos: unha a carón da pista polideportiva do Testal e outra en ambas marxes do vial de acceso á lonxa do Testal, a prolongación da DP-5706 (de titularidade compartida pola Deputación da Coruña e Portos de Galicia). “Isto vai a supoñer unha comodidade para os mariscadores e mariscadoras que acudan ao Testal, pois van poder estacionar en condicións de seguridade”, puntualiza o alcalde noiés.

Freire Abeijón amósase moi satisfeito co resultado dos traballos, “pois é froito de case dous anos de xestións e que agora poderán desfrutar os veciños e veciñas de Noia”, ao tempo que indica que “imos seguir traballando para conseguir máis inversións deste tipo para preservar o noso ecosistema”. Neste sentido, indica que “hai un investimento tamén de Costas do Estado que é a remodelación da Fachada Marítima, que enlaza dende a ponte do Campo de Noia ata o muelle do Marqués, que agardamos que se poida desenvolver ao longo dos próximos meses”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial