Reportaxe: Ames á procura dunha complicada mobilidade

0

Dentro da estratexia Dusi. financiada con fondos europeos, o concello de Ames organizou unha xornada sobre mobilidade sostible con expertos en distintas materias e con distintas responsabilidades. Máis alá da importante aportación dos invitados o que quedou é a sensación de que a bisbarra en xeral, e Ames en particular, terá que buscar solucións propias. Moitas das ideas presentadas evidencian que as características xeográficas e demográficas da nosa terra require accións específicas.

De esquerda a dereita: Manuel Mirás, alcalde de Oroso, José Blanco, europarlamentario e ex ministro de Fomento, Valentín González, presidente da Deputación de A Coruña, Alfonso Gil, vicepresidente da Federación Española de Municipios y Provincias, e José Miñones, alcalde de Ames.

A experiencia de Bilbao

A xornada abríase cunha mesa redonda na que participaban o alcalde de Ames José Miñones, o presidente da Deputación da Coruña Valentín González, o europarlamentario e ex ministro de Fomento José Blanco e o Vicepresidente da Federación Española de Municipios e Provincias e tenente de alcalde de Bilbao Alfonso Gil. Foi a charla de Gil unha interesante explicación da transformación vivida nos últimos anos pola cidade vasca, pasando de ser a unha escura cidade industrial a unha urbe na que máis do 60% da poboación desprázase a pe. Das palabras de Alfonso Gil quedámonos coa necesidade de pensar a longo prazo, coa necesidade de investir en proxectos sostibles que, aínda que sexan nun principio caros, acaban por dar os seus froitos

Falabamos con Gil na pausa do café e explicábanos que a maior transformación que tivo Bilbao, a primeira e máis necesaria, foi a do modelo produtivo

Transporte e mobilidade

Os dous seguintes poñentes teñen unha ampla experiencia. Julian Sastre é o presidente do Instituto da Mobilidade, na súa charla deixaba claro a importancia de estar actualizando os plans constantemente, da necesidade de pensar a longo prazo pero con aplicacións a curto

Outra das evidencias que quedan despois de escoitalo é que todo pasa por unha implicación das administracións. No territorio español hai máis de media ducia de solucións distintas para territorios supramunicipais aínda que todos pasan por unha procura do ben común

Escoitando falar sobre organismos administrativos por enriba dos concellos, non podemos evitar lembrar que hai 15 anos, nos inicios do transporte metropolitano, falábase da creación dun consorcio de transportes que integra todas as liñas. Ese consorcio nunca se chegou a crear co que hoxe pode que teñamos que falar dunha oportunidade perdida.

Rosa Arce é a directora do Centro de Investigación do transporte. Falou da evolución das vilas e da necesidade de concentrar os recursos en áreas ben definidas algo que se contradice coa evolución que tiveron as cidades

Esa concepto de cidade difusa é algo moi evidente na bisbarra compostelana que convertese no exemplo perfecto.

Unha oportunidade para o debate

A mañá remataba nunha mesa redonda con representantes de Teo, Conchi García, Compostela, Jorge Duarte, Oroso, Manuel Mirás e o alcalde de Ames, José Miñones, como anfitrión. Todos sen excepción coincidiron en destacar a importancia de estes foros aínda que votaron de menos un representante da administración autonómica. As competencias en transporte son da Xunta polo que no momento de tomar accións concretas os concellos ven limitada a súa autonomía.    

Ao longo da mañá quedou patente que a inversión en mobilidade reduce o gasto público en sanidade. Xa sexa pola mellora da saúde dos maiores ou pola diminución dos accidentes de tráfico, ademais de outras causas, a inversión paga a pena pero como explicaba Miñones sempre acaban topando coa barreira autonómica

Dous exemplos máis

A tarde contou con distintos exemplos da procura da mobilidade en outros territorios pero quedámonos con dúas boas iniciativas que demostran que a bisbarra de Compostela terá que buscar solucións propias.

Manuel Márquez, pertencente a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Andalucía, expoñía a iniciativa de taxis a demanda en esa comunidade. Comezou pola imposibilidade dunha empresa de autobuses de manter unha liña entre dúas poboacións e foi sustituida por taxis que saen a horas concretas e con unha petición previa por parte dos usuarios. Como comentaba un alcalde da bisbarra, que asistiu como espectador,  ao peche da xornada “é unha solución interesante pero gustaríame ver como a aplican nun territorio con 90 aldeas”. A dispersión da poboación é un dos problemas maiores que terán que ter unha solución específica.

Xavier Pont, Coordinador de proxectos da Área de urbanismo e mobilidade da Axencia de ecoloxía urbana da Barcelona explicou o concepto de “supermanzanas”. Trátase de delimitar áreas urbanas das que é retirado o tráfico de xeito progresivo recuperando esas zonas para o uso público, un tráfico que é reconducido a unha distancia que permita manter os servizos a zona recuperada. Cando preguntamos a media do tamaño de esas zonas a resposta foi clara “a media son cuadrículas de 500 metros por 500 metros”; a aplicación de esa idea significaría sacar o tráfico de tódalas rúas internas do Milladoiro, Bertamiráns, Sigüeiro ou incluso o ensanche de Compostela. So caben dúas opcións: ou buscamos solucións propias ou nos concienciamos da necesidade de renunciar a como usamos o coche hoxe en día.

A xornada sobre mobilidade sostible foi un interesante debate sobre o uso do territorio. Deixou claro que a bisbarra de Compostela é un área que require tratamento en conxunto e non de forma illada, que precisa dun transporte áxil e que terá que cubrir un territorio moito mais amplo do que atende na actualidade, e que sen a implicación da Xunta de Galicia non poderá facer nada. Esperemos que as administracións tomen conciencia e comecen a dar pasos en esa dirección.  

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial