займ срочно

O Colexio de Químicos lembra ó Catedrático Ribas Marqués nos institutos de Compostela

0

Compostela, 23 de maio do 2017 – Diversos centros educativos de ensino medio da cidade de Santiago de Compostela acollerán ata final de curso a exposición didáctica sobre o legado investigador do catedrático Ignacio Ribas Marqués [Palma de Mallorca, 1901-Santiago, 1996].

O Colexio Oficial de Químicos de Galicia (COLQUIGA) organizou esta exposición didáctica sobre o químico ao que a Real Academia Galega de Ciencias dedicoulle o Día da Ciencia 2016.

A exposición sobre a traxectoria de Ribas Marqués, mallorquino pero galego de adopción, coa que colabora a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou a súa andaina hai unhas semanas no Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Nas próximas semanas e ata fin de curso visitará outros centros educativos da cidade. A vida do científico, os seus estudos, a súa etapa na Universidade de Santiago así como as liñas dos seus traballos de investigación son o eixo central dunha exposición itinerante que percorreu durante o curso 2016/2017 outros centros educativos de Galicia.

“Este proxecto pretende divulgar a química e a figura deste insigne valedor desta ciencia”, apuntou Juan Sanmartín, químico e vicedecano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, que visitou a exposición no Instituto Rosalía de Castro. Na fotografía aparece co director do centro educativo, Ubaldo Rueda, e coas profesoras de química Cristina Penas e Marian Rey.

Juan Sanmartín explicou a liña seguida para a elaboración do traballo. “Tratamos de que os contidos fosen accesibles ao público ao que vai destinada: alumnos de secundaria e bacharelato”. Juan Sanmartín apuntou de Ignacio Ribas Marqués o seu legado como investigador e docente. “Formou ás novas xeracións de químicos galegos e deixou para a posteridade uns nomes de alcaloides como a orensina, santiaguina, coruñina ou pontevedrina que estarán sempre ligados a Galicia”.

O vicedecano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia aproveitou a súa visita ao Instituto Rosalía de Castro para agradecer o compromiso do seu profesorado e doutros centros educativos de Compostela na preparación cada ano das probas da Olimpíada Galega de Química que organiza a Asociación de Químicos de Galicia en colaboración co Colexio. E animou aos alumnos para participar na competición educativa do próximo curso 2017/2018.

Pola súa banda, o decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez Méndez, lembra que “moitas xeracións de químicos que axudaron a construír a Galicia que hoxe temos beberon dos coñecementos que impartiu con xenerosidade o noso querido profesor”. O máximo representante dos profesionais da química galega destaca que Ribas Marqués “situou a Galicia nos anos 50 no mapa mundial da investigación”. COLQUIGA, con motivo do seu cincuentenario creou en 2002 o Premio Ribas Marqués á Innovación e Divulgación Científica que entrega a investigadores que aborden estudos inéditos e de aplicación práctica con interese para Galicia.

Ribas Marqués foi de 1946 a 1948 o primeiro presidente da Asociación de Químicos de Galicia, xerme do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, que naceu en 1952. O insigne profesor foi nomeado en 1950, presidente de Honra da Asociación de Químicos de Galicia. “Converteu as humildes xesta ou carqueixa no centro dos seus estudos”, lembra Manuel Rodríguez Méndez (presidente tamén da Asociación), quen destaca que “utilizou nomes de cidades galegas para bautizar os alcaloides obtidos nas súas investigacións”. A Asociación tamén quixo contribuír a esta homenaxe dedicando a Ignacio Ribas o cartel das Olimpíadas Galegas de Química 2017.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies