Ricardo Garea, veciño de Frades

0

Ricardo Garea leva toda a vida pegado á terra. Vive en Frades, onde naceu. Salvo os seus anos de mili en Zaragoza sempre estivo unido a un territorio que coñece como a palma da súa man.

Naceu hai máis de 80 anos. Da súa infancia lembra con agarimo os queixos que a súa nai facía e o seu gusto polo leite frío. Foi á escola ata os 16 anos o que naquela época era case un milagre. A educación non era prioritaria e quedaba apartada en canto as mans facían falta para calquera labor do campo. A admiración soa na súa voz ao mencionar a Josefina, a súa mestra e a de dúas parroquias enteiras, Gafoi e Ledoira. Lembra como preguntaba a lección de memoria, a cada un a que lle tocaba, e lembra a Celestino, o seu primo, que metía os dedos nos tinteiros para pintar as caras dos seus compañeiros.

Ricardo cambia o aspecto cando fala da miseria daqueles tempos. Como algún, con cinco fillos en casa, saía a comprar trigo e non llo vendían porque o reservaban para os extraperlistas. Como na súa casa facíanse queixos e as mulleres camiñaban 15 quilómetros coa cesta na cabeza para vendelos en Curtis e poder ir vivindo.

Pasou tres anos en Zaragoza cumprindo co servizo militar. Cando lle preguntaron que sabía facer, seguiu o consello do seu pai “pon un oficio, o que sexa, pero sempre un oficio” e dixo zapateiro, aproveitando que estivera un ano aprendendo cun veciño. O consello do seu pai, e ese ano de aprendiz, serviulle para ter unha mili afastado das armas, cun superior que, como el di, foi un bo mestre que ademais coidou deles.

Unha boa parte da súa vida pasouna traballando no monte, coidando dos bois e levando a madeira dun sitio a outro. Conta cunha mestura de agarimo e admiración os 36 días que pasaron nunha fraga sacando leña. Lembra que os carros cargábanse de máis. Ao chegar ao destino chegaban tamén os problemas, enchéronse entre varios pero baleiralos era cousa dun e os bois non facía outra cousa que virar sobre si mesmos. Dunha forma ou outra sempre se conseguía pero, como él di, facendo demasiado esforzo para o que o corpo podía soportar.

Os ollos ilumínanselle ao pensar nas cortes de López. Era o lugar no que durmían á beira dos bois para aproveitar a calor dos animais. Alí había unha muller que facía un caldo de verduras que compensaba calquera traballo. Ricardo só acerta a describilo dicindo que era “como o da nosa casa”, tentado dicir que era imposible atopar nada mellor.

Agora na vellez segue sacando proveito da terra. Conta como nunha ocasión cortaron dous castiñeiros na súa casa e, ao estar a terra abonada, no mesmo sitio naceron varios fillos daquela árbore. O seu pai foi guiándoos e acabaron convertidos en bastóns. Moitos anos despois, ao casar e chegar ao lugar no que vive agora, descubriu que no prado había vimbias. Lembrando a historia do castiñeiro tentou que desen máis fillos e aos poucos naceu a súa actual afección: os bastóns. Ten acumulados máis de 50 e leva xa regalados ou, as menos veces, vendidos moitos máis. Un sobriño confeccionoulle unhas formas en aluminio que axudan a dirixir as vimbias. É un traballo que leva máis dun ano entre que crecen, córtanse e prepáranse con verniz e unha goma na punta para evitar que escorreguen. Cando ve a algún veciño que parece necesitar apoio acode á súa casa para regalarlle un. Nalgunha ocasión a súa filla levounos a vender á feira pero nunca deron moito nin os fai por iso, é tan só a súa maneira de seguir activo.

Os bastóns de Ricardo Garea son un reflexo da súa personalidade: ten a paciencia necesaria para conseguir algo co tempo que faga falta e a fortaleza para resistir o peso que a vida lle queira poñer en cada momento. A súa mirada reflexa unha determinación que, as veces, so se atopa nos nosos maiores.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial