займ срочно

Rois unifica os seus festivais no NaturFest

0

Rois, 27 de xuño do 2018 – Será o 28 de xullo cando o concello de Rois organiza o primeiro NaturFest coas actuacións de Pepe Vaamonde Grupo e Virandeira no campo da festa do concello.

O NaturFest reúne nun só evento o Chorima Naturfest, que organizaba o Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, e o Roisa Arrasa!!!, que organizaba o concello.  En palabras do alcalde, Ramón Tojo,       “Aínda que os resultados destas iniciativas foron positivos, tanto dende o Concello como dende Chorima decatámonos de que sumando forzas podiamos crear un único e sólido festival co que enxalzar o panorama musical, tanto local como galego”. O obexctivo do novo festival é, en palabras do rexedor “ofrecerlle á gran canteira musical que temos en Rois un espazo no que poida expresar e compartir a súa arte. Queremos que tanto a veciñanza de Rois coma do resto de Galicia atope no campo da festa un lugar no que achegarse un pouco máis á nosa cultura”.

O programa

A xornada comezará cun trail para gozar do entorno facendo deporte na natureza. Un xantar popular, diferentes xogos tradicionais e unha ciclobiblioteca completarán a oferta lúdica. “Queremos manter o sentimento das vellas tradicións do pobo e dos seus costumes, como eran as festas e traballos comunais noutrora grandes motores das relación sociais do noso entorno e que hoxe están totalmente extintos”, indicou Antía Vicente, membro de Chorima e da organización do festival.

As Pandeireteiras de Ermedelo e as Repeniqueiras de Urdilde serán as encargadas de poñer a música á unha e media, antes do xantar popular. Pola tarde, os asistentes gozarán coa música dos grupos ‘Fedellos’, ‘Túzaros’ e ‘Rebentabois’, formada polos máis novos do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, fundado en 1995 e que se converteu nun dos referentes da cultura tradicional do noso país, que conta con máis de medio cento de músicos de todas as idades. Tamén actuará a Asociación Folclórica de San Xiao de Trebo, de Cariño.

Pola noite, o primeiro prato forte do NaturFest, será a actuación de Virandeira Folk, a banda viguesa que aposta máis que nunca pola mestura de xéneros, estilos e sons, dende a música celta ao rock. Chema Alonso sinalou que o grupo está co último ano de xira do seu segundo disco, ‘Metamorfose’, e que xa están a traballar no terceiro, que verá a luz no ano 2019.

Para rematar a velada, outro dos referentes da música folk do país, Pepe Vaamonde Grupo, presentará o seu último disco ‘Nas pedras do lar’ nun directo contundente e orixinal que fan da banda liderada por Pepe Vaamonte e Pipo Alvariño un dos referentes da música folk galega. “Mantemos a tradición, sen renunciar aá fusión de estilos”, dixo Alvariño na presentación, engadindo que “faltan eventos como o Naturfest de Rois para potenciar a música tradicional”.

Para a organización do NaturFest, o Concello de Rois conta coa colaboración do OCT Chorima, da Consellería de Cultura da Xunta, da Deputación da Coruña e da Axencia Galega de Industrias Musicais (Agadic), a través do seu programa ‘Cultura no Camiño’. Ramón Tojo asegurou que o certame ten vocación de continuidade: “se por separado estivemos tres anos, xuntos, Concello e Chorima, chegaremos moito máis lonxe no tempo promocionando a nosa música”.

#RoisNaturFest é o hashtag elexido para promocionar o festival nas redes sociais.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies