A Romaría de Santa Minia comeza en Brión

0

Brión, 23 de setembro do 2017 – O Concello de Brión está a ultimar os preparativos para a Romaría de Santa Minia, que terá lugar ao longo de catro días: domingo 24, luns 25, martes 26 (Vésperas) e mércores 27 de setembro (Día de Santa Minia).

O operativo disposto polo Concello de Brión para velar pola seguridade e comodidade dos visitantes estará integrado por unha vintena de efectivos, entre membros de Protección Civil e Policía Local, que se encargarán de atender aos milleiros de romeiros que acudan á Santa Minia, especialmente na noite de martes ao mércores e o propio día da festa.

O Concello ten habilitadas sete zonas de aparcamento de balde totalmente gratuítas e que estarán convintemente sinalizadas. Os autobuses farán transbordo diante do Centro Social Polivalente, mentres que os condutores particulares serán guiados por efectivos de Protección Civil cara a zona de aparcamento máis achegada á Carballeira de Santa Minia que conte con prazas libres nese momento. O coordinador da Romaría de Santa Minia, Alberto Álvarez, recomenda aos romeiros “que sigan en todo momento polos membros de Protección Civil e da Policía e lembren que o uso destes aparcamentos é totalmente de balde, non hai que aboar nada”.

Novos postos

O tráfico pola avenida de Santa Minia estará aberto ata as 18:00 horas do martes 26 de setembro, momento no que empezarán os cortes debido á instalacións das máis de 150 casetas de venda que se situarán na zona. Postos que venderán rosquillas, roupa, chourizos, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, pulseiras, velas, imaxes relixiosas, xeados… Durante os catro días instalaranse a pé da carballeira cinco polbeiros, que venderán uns 5.000 quilos de polbo durante estas festas ademais de grandes cantidades de churrasco.

Unha das novidades desta edición será o emprazamento das atraccións para os máis pequenos. “Este ano tivemos oito novas peticións que se suman ás atraccións tradicionais de carruseis, coches de choque, inchables… polo que habilitamos unha nova parcela detrás de onde estarán as pulperías”, explica Alberto Álvarez. A maiores, o Concello de Brión tamén habilitou unha parcela cerca da Praza do Concello para facilitarlles aos feirantes un espazo próximo á festa onde poidan deixar os seus vehículos.

Programa das festas

A música será a gran protagonista do domingo 24 de setembro. Tras a actuación da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón (13:00 h.), a partir das 18:00 horas a Praza do Concello acollerá o Festival de Bandas de Música Populares, coa participación da Banda Ateneo de Negreira, Banda de Música de Arca (O Pino) e a Banda de Música Municipal de Brión. Ao rematar, a iso das 20.30 horas, procederase ao acendido do alumeado na carballeira, acompañado coa música de “Os do fuelle” (Maceda) e da Charanga BB+.

O luns 25 de setembro a festa trasládase á tarde. A carballeira de Santa Minia acollerá as actuacións de Isla Letriska con presentará “Letriska Inmobile” (17:30 horas), un espectáculo familiar de circo e clown; e do grupo folk Peta Forte (18:30 horas). E a partir das 22:30 horas, Roi Casal presentará “Son Galego, Son Cubano”, o gran espectáculo musical entre Galicia e Cuba que foi presentado no Gran Teatro da Habana (Palacio do Centro Galego) en maio de 2016 con dous memorables concertos.

O concerto conta coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Brión, polo que a asistencia é totalmente libre e de balde. Durante máis dunha hora, os asistentes poderán asistir a un show con letras de Neira Vilas e a posta en escena dos mellores músicos de Galicia e Cuba, que poderán aproveitar a gran sonoridade da Carballeira de Santa Minia para este tipo de espectáculos musicais.

O martes 26, Día de Vésperas, a Charanga Mekánica encargarase de amenizar tanto a mañá como a tarde. Ás 17:30, novo espectáculo de maxia e clown: “Laboratorio Máxico”, de Cía La Mandarina; e ás 19:00 horas actuación de Os Monifates. A verbena nocturna correrá a cargo das orquestras “Charleston big band” e “Aché”, que ás 0:00 horas darán paso á tradicional sesión de fogos de artificio e queima da fachada.

O mércores 27, Día de Santa Minia, abrirase coa música da Charanga Os Celtas; á que se sumarán a agrupación “Tíralle do aire” de Negreira (12:00 h) e as escolas tradicionais de baile e pandeireta de Brión (19:30 h). A sesión vermú correrá a cargo da orquestra “Trébol”, que tamén amenizará a verbena nocturna canda “Cinema”. Ás 17:30 horas, o Mago Teto representará “O afiador”, un espectáculo de maxia para toda a familia.

Oficios relixiosos

No que atinxe aos servizos relixiosos, o Día Grande haberá misas cada hora entre as 9:00 e as 12:00 horas e entre as 17:00 e as 20:00 horas na reitoral fronte á capela de Santa Minia. A misa solemne comezará ás 13:00 horas. O día 26 de setembro, Véspera, haberá misas ás 9:00, 12:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas. Finalmente, a novena de Santa Minia comezou o domingo 17 de setembro e desenvolverase ata o día 25, con misas ás 19:30 horas. Ademais, o domingo 24 de setembro tamén haberá oficio relixioso ás 11:45 horas.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies