Rosalía de Castro protagonista na fin de semana

0

Bisbarra, 23 de febreiro do 2019 – A fin de semana é de Rosalía de Castro, tódolos concellos veñen desenvolvendo actos que culminan, moitos deles, mañá domingo día 24.

O 182 aniversario do nacemento de Rosalía contou cun amplo programa de actividades ao longo de toda a semana. Desde os colexios as asociacións en tódolos concellos lembrouse a poeta padronesa. Hoxe sábado e mañá domingo a programación crece e, nalgúns casos, continuará ao longo da semana que ven. A continuación algunhas das actividades que se poden facer en Compostela e noutros concellos da bisbarra.

Ames

Até mañá domingo 24 de febreiro, os cafés que se poñan nos bares e cafetarías de Ames irán acompañados de versos de Rosalía. Dende hai uns días están sendo distribuídas nos locais de hostalaría unhas tarxetas con versos rosalianos, previamente escollidos polo poeta amesán Carlos Negro. A esta iniciativa, que acada este ano a súa terceira edición, sumáronse tamén os Concellos de Brión, Padrón e Santiago. Café con verso busca difundir a obra, o pensamento e a figura de Rosalía ao tempo que se promove a hostalaría amesá.

Por outra banda o profesorado e os alumnos/as de infantil do CEIP A Maía e da EEI do Milladoiro realizaron diversas iniciativas co obxectivo de dar a coñecer a esta escritora tan unida a Ames e salientar a pegada que deixou no municipio, que serviu de fonte de inspiración en moitas das súas obras. A través do proxecto “Rosalía tamén vive aquí”, as cativas e cativos de todos os centros de primaria e infantil do Concello exporán carteis cun poema nos portais das súas vivendas para que os/as veciños/as poidan deleitarse coa súa lectura sempre que pasen por alí.

Asemade, mediante “Rosalía na terriña” , o CEIP da Maía e a EEI do Milladoiro convirten O Milladoiro e Bertamiráns en vilas poéticas. Para isto deixarán laxas con versos da obra rosaliana en distintas zonas verde de Bertamiráns e do Milladoiro, coa finalidade de que os viandantes se atopen con elas e gocen dun pequeno petisco da obra desta autora.Os dous centros de ensino realizarán un vídeo no que se poderá ver todo o traballo que hai detrás destas accións poéticas e que se proxectará durante a Gala de Rosalía de Castro. O evento terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns a partir das 18.00h e contará coa actuación de Rosa Cedrón. A entrada é libre e gratuíta.

Arzúa

O Concello de Arzúa celebra o 24 de febreiro o Día de Rosalía de Castro con diferentes actividades que teñen por obxectivo homenaxear a nosa autora máis universal.

O domingo 24 diferentes bares e restaurantes da vila súmanse á celebración do Caldo de Gloria, unha iniciativa que pon en marcha a Fundación Rosalía e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Arzúa. O Caldo de Gloria é un caldo galego inspirado no poema Miña casiña, meu lar que mostra como con moi pouco o ser humano pode sobrevivir e ser feliz. Poderase degustar como tapa ou prato no menú dos sete locais participantes: Mesón Os catro ventos, Casa Chelo, Café Teatro, Restaurante O Gloman, Bar Luis, Casa Nené e A taberna de Mera.

 Participan tamén nesta campaña os centros de ensino de Arzúa, incluíndo o Caldo de Gloria no menú escolar o venres 22 e o luns 25 de febreiro.

Ademais, o luns 25 terá lugar a actuación musical Rosalía pequeniña coa cantante Uxía, que achegará aos cativos e cativas de Arzúa algúns poemas musicados da autora. A Casa da Cultura acollerá unha función escolar para alumnado de 3º infantil e 1º e 2º de primaria.

Brión

O Concello de Brión únese á iniciativa “Caldo de Gloria”. Cinco establecementos hostaleiros (café bar BTV, Casa Filiberto, Hotel Casa Rosalía, Kratos e O Repouso) servirán o caldo que Rosalía de Castro describe no poema “Miña casiña, meu lar” de Follas Novas. Unha receita, tipicamente galega, que sería ofrecida como tapa aos clientes os días 22, 23 e 24 de febreiro.

Paralelamente, a Casa da Cultura de Brión acometerá durante eses días unha campaña de visualización de Rosalía coa colocación dunha lona conmemorativa da poetisa galega no propio inmoble emprazado na carballeira de Santa Minia. Ademais, as persoas que se acheguen pola biblioteca e pola casa da cultura serán agasalladas con marcapáxinas, folletos e unha bolsa conmemorativa da campaña “As pegadas de Rosalía”.

A programación especial do Concello de Brión pecharase o vindeiro 11 de marzo co contacontos “Buscando a Rosalía”. Unha actuación dirixida por Raquel Queixás e dirixida a un público infantil. Terá lugar na sala municipal de exposicións e a entrada será libre e de balde.

Compostela

Ata o próximo día 28, diversos establecementos de hostalería do Ensanche e Conxo ofrecerán degustacións do Caldo de Gloria, unha iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar”, no que Rosalía explicaba como facer un caldo humilde.

No apartado musical, un dos actos centrais da Semana de Rosalía en Compostela será o concerto que Amancio Prada ofrecerá na igrexa de San Fernando Hoxe sábado. O recital, organizado polo Concello, será con entrada de balde, previa retirada do convite no Centro Cívico do Ensanche. Amancio Prada empezou a cantar os temas de Rosalía de Castro nun disco publicado en 1975, e dende entón non deixou de interpretar os seus versos. Tamén haberá música para as nenas e os nenos. Uxía ofrecerá un concerto hoxe sábado no Centro Cívico Aurelio Aguirre de Conxo, para presentar o seu traballo Rosalía Pequeniña, O concerto comezará ás 12:00 horas e a entrada será libre ata completar aforo. Mañá domingo Larraitz Urruzola estará no Centro Cívico do Ensanche con A Viaxe de Rosalía. Trátase dun espectáculo de monicreques deseñado para dar a coñecer a vida e tamén a obra de Rosalía de Castro entre os máis novos. Será tamén ás 12:00 horas e con entrada libre.

O mércores 27 está previsto un Itinerario Rosaliano, en colaboración pola Asociación Cultural O Galo. O roteiro está deseñado para dar a coñecer os lugares da cidade vinculados a Rosalía de Castro, dende a praza de Vigo, onde estaba a casa na que naceu a autora; o instituto que leva o seu nome, no número 17 da rúa da Senra, onde viviu; o número 41 da rúa de Vilar, onde morreu a súa nai, ou a Casa da Conga, onde naceu unha das fillas da escritora. Para participar no paseo guiado pola xeografía rosaliana de Compostela é preciso inscribirse remitindo un mail á dirección teatroprincipal@santiagodecompostela.gal.

Dende Turismo de Santiago tamén se organiza, xunto coa Concellaría de Igualdade, o chamado “Café con verso no Día de Rosalía”, o propio 24 de febreiro. A iniciativa desenvolverase nos establecementos de hostalería adheridos a proxectos municipais como Territorio das Mulleres ou #GalegoEmpresas, que entregarán aos clientes un verso de Rosalía pola consumición do café. As tarxetas deseñadas, inclúen ata dez versos diferentes da autora. Os establecementos participantes son Cafetería do Hotel AC Palacio del Carmen, Cafetería Blu, Café Xardín Costa Vella, Curro da Parra, Celme do Caracol, Lusco & Fusco, La Flor, Cambalache, Café Literarios, Medusa, Café de Altamira, Cuchara do Villar (Hotel Rúa Villar) e A Nave de Vidán.

Día de Rosalía

A xornada central da Semana de Rosalía en Compostela será a do 24 de febreiro, día do nacemento da escritora. A axenda do día arrancará na praza de Vigo ás 11:00 horas, cando está prevista unha ofrenda floral diante da escultura dedicada a Rosalía. Alí haberá a interpretación dunha alborada, a cargo dos Carapaus e dos gaiteiros e gaiteiras que queiran sumarse á iniciativa.

Posteriormente celebrarase unha segunda ofrenda floral na estatua de Rosalía na Alameda. Dende alí, todas as persoas participantes na actividade dirixiranse cara o Hostal dos Reis Católicos, onde ás 12:00 horas se celebrará unha ofrenda floral na pía bautismal de Rosalía, e posteriormente haberá un acto institucional no que se dará lectura a poemas da autora. Tamén haberá unha actuación musical do grupo portugués Canto d´Aquí, e unha representación teatral cun grupo de escolares de Ponteceso. O acto pecharase coa interpretación da Alborada de Rosalía e coa degustación do caldo de gloria no Hostal.

Melide

Dende o departamento de Cultura do Concello de Melide festexarase tamén este ano dun xeito especial. Os protagonistas serán os versos da autora galega que se colgarán en diferentes lonetas en diferentes balcóns do casco antigo da vila.

Serán poemas, recollidos da súa obra Follas Novas e de Cantares Gallegos os que pendurarán de diferentes fachadas dentro da zona histórica de Melide. O principal estará colgado da fachada da casa consistorial, onde, por uns días, recibirá a todos os que se acheguen ata a praza do Convento. Os poemas de Rosalía engalarán Melide durante toda a fin de semana.

Padrón

A partir das 17:00 horas, está previsto un acto no Auditorio da Casa de Rosalía, en Padrón, cun concerto de Canto d´Aquí co que se pechará a Semana Cultural de Convergencia Galicia-Portugal. A partir das 19:00 horas haberá unha degustación do caldo de gloria na lareira da Casa da Matanza.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial