Roteiro para lembrar a Compostela da República

0

Compostela, 11 de abril do 2018 – Compostela acollerá o vindeiro sábado 14 de abril (data na que se cumpren 87 anos da proclamación da Segunda República) un roteiro polos lugares máis sinalados do Santiago republicano.

O evento está organizado polo Concello, en colaboración co grupo Hispona da USC, e foi presentado pola concelleira María Rozas. Na rolda tamén estivo o profesor e historiador Alfonso Iglesias. O roteiro vén recollido na programación didáctica editada pola Concellaría de Educación e Cidadanía o ano pasado dentro da colección Coñecer Santiago e que leva por nome O soño roto: educación, sociedade e política na Compostela republicana.

María Rozas sinala que  “A diferencia do percorrido que aparece na unidade, realizaremos o roteiro ao revés, partindo das Marías ás 12 e rematando na praza do Obradoiro, pasaremos por lugares estratéxicos da Compostela republicana e da posterior, tras o golpe de estado de 1936”.

Historia e memoria

O percorrido, que terá unha duración aproximada dunha hora, terá dúas orientacións, “a da historia e a da memoria”, segundo explicou Alfonso Iglesias. “Faremos lembranza do que foi a Compostela dos anos 30 a través do que quedou e do que se destruíu tras o golpe de estado, pero desligando a idea triste dos momentos finais da República”, indicou.

O roteiro comezará nun lugar simbólico, como é a estatua das Marías e rematará na praza do Obradoiro, “centro da vida política e lugar onde se proclamou a República en Compostela”, apuntou o historiador. Partindo da unidade didáctica na que se basea o roteiro, as persoas que participen lembrarán a vida cotiá da época, pasando polos lugares que formaron parte da historia da cidade; a vida cultural en torno a figura do último alcalde republicano e fundador da editorial Nós, Ánxel Casal, ou a educación e a política. “A segunda República -lembrou Alfonso Iglesias- foi unha época de moitos logros a nivel sanitario, educativo e cultural”.

Percorreranse lugares simbólicos como Porta Faxeira, punto de defensa durante o golpe de Estado; a Porta da Mámoa, onde se situaba o sanatorio do doutor Villar, ou a praza da Universidade, emblemática por acoller a Facultade de Historia, mais tamén a Radio Galicia, e lugar de reflexión e xuntanzas para o que sería con posterioridade o Estatuto de Autonomía de Galicia.

O roteiro é de balde e non se precisa inscrición previa.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial