O profesor da USC Rubén Lois, novo vicepresidente da Unión Xeográfica Internacional

0

Compostela, 29 de maio do 2018 –  O catedrático da USC Rubén Camilo Lois González, director do Departamento de Xeografía e coordinador do Grupo de Investigación en Análise Territorial ANTE, acaba de ser elixido vicepresidente da International Geographical Union (IGU). Este cargo súmase ao seu traballo como vocal número 1 do Comité Directivo da Asociación de Geógrafos Españoles (AGE) e membro do Comité Español da IGU.

A candidatura a vicepresidente do profesor Rubén Lois tivo un gran apoio dos comités de España, Portugal, Francia, Alemaña, Rusia, varios países de Centroeuropa e Latinoamérica. O único español que ocupara o cargo de vicepresidente da IGU fora o catedrático da Universidade de Barcelona Joan Vilà Valentí, quen exerceu no período 1980-1988.

Para Rubén Lois, o novo cargo representa unha “magnífica” oportunidade para “actuar como unha ponte entre as comunidades de xeógrafos de Europa e América Latina, favorecer unha maior participación na IGU dos países e universidades de lingua española e portuguesa e abrir a posibilidade de que a Península Ibérica poida albergar futuros eventos da IGU”.

Na súa candidatura, o profesor da USC sinalaba a importancia de ter unha institución internacional para xeógrafos que proporcione a esta ciencia a visibilidade “que merece a escala global”. Así, márcase tres principios moi concretos que defenderá durante o seu mandato e que son a diversidade como base fundamental para o traballo xeográfico, o fortalecemento da iniciativa IGU e UNESCO do Ano Internacional do Entendemento Global (IYGU) e a interdisciplinariedade da xeografía, que debe confluír con outras ciencias.

A IGU

A IGU é unha organización non gobernamental profesional presidida polo profesor emérito Yukio Himiyama e dedicada ao desenvolvemento da xeografía en todos os países do mundo a través da iniciación e coordinación da investigación e a ensinanza neste ámbito. É o organismo recoñecido pola ONU e a UNESCO para desenvolver o coñecemento xeográfico e cartográfico e colabora activamente cos obxectivos do Milenio e os programas Hábitat.

A pesares de que se creou oficialmente en Bruxelas en 1922, xa en 1871 a IGU celebrou en Amberes o primeiro dunha serie de congresos nos que cada ano participan arredor de 5.000 persoas de todo o mundo. O próximo celebrarase en Agosto en Quebec e os seguintes en Estambul (2020) e París (2022).

O traballo desenvolvido pola asociación lévase a cabo a través dos seus comités nacionais, comisións e grupos de traballo de máis de 100 países. O español adheriuse en 1920 e nos seus primeiros anos de existencia contou coa colaboración do xeógrafo galego e patriarca das letras Ramón Otero Pedrayo, que colaborou para desenvolver cuestionarios de hábitat e poboamento.

A IGU ten agora 41 comisións que agrupan xeógrafos interesados en elementos particulares da disciplina como a climatoloxía, a xeografía urbana, a xeografía aplicada, ou a xeografía da poboación.

Rubén Lois

O profesor Rubén Lois licenciouse na USC, onde se doutorou e acadou unha praza como docente. A súa investigación comezouna no eido da Xeografía Rural, dende a que evolucionou ao estudo de Xeografía e Planificación Urbana e da xeografía cultural.

É investigador principal do proxecto do Atlas Rexional para a Estratexia 2020 da UE. Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia (2003-2005) e director do Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER), organismo de cooperación científica entre as universidades de Galicia e a rexión norte de Portugal (2013-2017), ademais de director xeral de Turismo da Comunidade Autónoma de Galicia (2005-2009).

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies