Sábados Matinais na Praza de Cervantes

0

Compostela, 7 de xuño do 2018 – As fin de semana encherán de música a praza de Cervantes co ciclo de concertos Sábados Matinais.

A idea nace despois da boa acollida dos vermús musicais das  pasadas Festas do Apóstolo.Os Sábados Matinais terán lugar a unha da tarde e foron presentados no concello pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra acompañada de Manuel Manquiña e Alfonso Espiño, ambos integrantes de Los Fabulosos Weekends, unha das bandas que tomarán parte no ciclo.

Pese a que a presentación retrasouse o ciclo arrancou o pasado sábado, 2 de xuño, cos sons xamaicanos de High Paw. A seguinte cita será este sábado 9 con Los Mecánicos, un grupo coruñés con dez anos de traballo ás costas que recupera o ambiente dos anos 60 a través dun repertorio musical no que conviven formacións lendarias da contorna internacional como The Beatles, The Rolling Stones, Elvis, The Kinks ou Small Faces con clásicos rock en español como Los Salvajes, Los Bravos, Fórmula V ou Los Brincos e grandes figuras galegas como Andrés Dobarro ou Pucho Boedo.

O 16 de xuño é quenda para Matt & The Peabody Ducks, tres coñecidos músicos da escena rockabilly de Barcelona, Matt Olivera, á voz, guitarra acústica e compositor, Legacaster á guitarra eléctrica e Daniel Nunes ao baixo, que participaron con anterioridade noutras bandas de sona da cidade como The Quasars, Legacaster e Brioles. Coñecedores e amantes das raíces do rock traen un espectáculo xenuíno na acústica e na estética no que que actualizan temas míticos do rockabilly e suman outros propios sen perder a sonoridade e matices da época. O seu primeiro EP, You cant beat me, está editado polo selo Katrina.

SONY DSC

Los Fabulosos Weekend fanse coa praza o sábado 23 de xuño. Este novo proxecto musical integrado por músicos ben coñecidos na cidade como Chema Ríos (ao que escoitamos en Linces Pop ou Extrema Urgencia), Alfonso Espiño (Contrastes, Los Chavales, Mega Purple Sex Toy Kit, Espiño), Gonzalo Sende (Contrastes, Amordiscos) e o actor e cantante Manuel Manquiña (Sporting de Transilvania) achega versións de grandes clásicos como “Happy together”, de The Turtles; “Mony mony”, de Tommy James & The Shondells, ou “Summer in the city”, de The Lovin’ Spoonfool, e mestúraos con outras cancións e letras escritas por Manquiña. Todo iso nun directo ben enérxico e con coidados arranxos vocais.

Pechan o ciclo Los Duques de Monterrey o sábado 30 de xuño, cunha homenaxe aos narcocorridos mexicanos en todas as súas vertentes . No seu primeiro traballo, De asuntos perros, conflúen o corrido foraxido, o tex-mex e o country , coa banda sonora de coñecidos filmes e textos de Rulfo ou Rosalía. A conexión galego-mexicana dos Duques tece historias poboadas de negocios suxos, amores truncados e traxedias, coas que retratan sociedades en loita coa corrupción e a miseria e onde a inxustiza fai complicado distinguir entre o ben e mal.

Todos os concertos serán de balde e de acceso libre até encher a praza.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies