O Salón Teatro pecha 2017 con circo

0

Compostela, 1 de decembro do 2017 – O Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego (CDG) en Santiago de Compostela, inicia a súa programación de decembro, que ofrece unha quincena de citas nas que hai cabida para o circo, as últimas tendencias escénicas e o teatro infantil.

Esta última carteleira do ano arrancará hoxe venres, ás 20,30 h., co espectáculo Möbius, do malabarista español afincado en Francia Miguel Gigosos. Trátase dun solo de malabares atípico, que se sitúa na fronteira entre a tolemia e o perfeccionismo para apelar ás emocións do público. As entradas para a súa función en Santiago estarán a venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo.

Formado nas prestixiosas escolas de Lion e La Lidó de Toulouse, Gigosos está considerado un dos mellores malabaristas do momento. Hoxe preséntase en Santiago dentro do programa do segundo foro D10, organizado por Pista Castro. No marco deste mesmo encontro de formación e innovación no circo, a sede do CDG acollerá o taller Na corda frouxa. Fundamentos do teatro aplicados aos espectáculos do circo, que será impartido do 4 ao 6 de decembro por Emilio Goyanes.

Fémina sapiens e Té con Kant

O circo dará paso ao teatro contemporáneo cos espectáculos Fémina sapiens e Té con Kant da compañía galega Inversa Teatro, para os que xa se poden adquirir billetes en entradas.abanca.com. O primeiro destes títulos, que poderá verse o xoves 14 e o venres 15 de decembro, ás 20,30 h., afonda na liña de traballo que vén desenvolvendo esta formación para propoñer unha reflexión sobre filosofía e feminismo en clave de traxicomedia. Neste caso, a montaxe é un solo teatral escrito e interpretado por Marta Pérez, baixo a dirección de Carlos Álvarez-Ossorio, que se cuestiona se é posible a evolución humana ou se, pola contra, somos máis proclives á involución.

Té con Kant tamén conxuga o ensaio filosófico e a creación escénica, xogando co humor e a ironía para obter unha peza próxima ao formato de teatro didáctico-conferencia. Marta Pérez asina o texto, a creación e a dirección da montaxe con María Caparrini, ademais da interpretación xunto a María Roja. Tras o seu percorrido por numerosos teatros e festivais, o espectáculo preséntase no Salón Teatro o sábado 16, ás 20,30 h., e o domingo 17, ás 18,00.

Inversa Teatro ofrecerá, ademais, un pase matinal para centros educativos de cada unha destas propostas: o xoves 14, ás 11,00 h., de Té con Kant e o venres 15, á mesma hora, de Fémina Sapiens.

Tamén serán escolares as funcións de Pum, pum!, produción de Baobab Teatro que forma parte da campaña contra os abusos sexuais 37milsorriSOS, da Consellería de Política Social. Davide González e Andrea Bayer poñen en escena este texto cheo de tenrura, que fala de historias cotiás que lles pasan aos nenos e nenas, ao tempo que transmite unha importante mensaxe de concienciación en contra de calquera tipo de abusos. Representarase en Santiago o luns 18 de decembro, ás 11,00 e ás 12,30 h.

Obradoiros para nenas e nenos

Os espectadores máis novos serán igualmente os protagonistas do ciclo de Nadal do Centro Dramático Galego Gran teatro para os máis pequenos, que combina tres espectáculos das compañías Tanxarina, Caramuxo Teatro e Teatro do Noroeste con  outros tantos talleres que buscan achegarlles aos nenos e nenas diferentes aspectos do oficio teatral baixo o lema Saca o/a artista que levas dentro.

Esta programación arrancará o xoves 21 e o venres 22 de decembro con A casa do avó, de Tanxarina, mais o obradoiro de monicreques Moita tea que cortar. O venres 29 e o sábado 30 será a quenda de Ela, de Caramuxo Teatro, e do taller Mallo en decembro sobre a artista Maruja Mallo, mentres que o mércores 3 e o xoves 4 de xaneiro Teatro do Noroeste porá en escena o espectáculo Animais de compañía, precedido do obradoiro de espazo sonoro Soa igual a diferenza.

Estas seis funcións están programadas para as 19,00 horas e os  obradoiros para as 17,00 h. A entrada para estes últimos está incluída no bono especial de Nadal, que abrangue tamén catro entradas para calquera dos espectáculos ofertados por un prezo de 24 euros. Ademais, existe a posibilidade de adquirir tres entradas para un mesmo espectáculo a prezo familiar (18 euros), así como billetes individuais a 8 euros.

Fóra do bono, a tarifa dos obradoiros é de 5 euros cada un e o pago farase desde media hora antes do comezo dos mesmos na billeteira do Salón Teatro, onde poderán mercarse tamén os bonos e entradas. A venda anticipada xa está dispoñible na web entradas.abanca.com, mentres que a reserva para os talleres (con 30 prazas en cada sesión) debe realizarse telefonicamente no 881 867 229.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies