Santiago comeza a implantar a administración electrónica

0

Compostela, 3 de xullo do 2017 –  A Xunta de Goberno acordou iniciar o procedemento para a adquisición dunha solución de administración electrónica para o Concello de Santiago, na que se vai investir 1.860.000 euros.

Os concelleiros Xan Duro e María Rozas deron conta dos detalles desta licitación, que ten como obxectivo lograr “unha modernización global da xestión municipal, baseada na eficacia, a eficiencia, a calidade, a innovación e a transparencia”.

O concelleiro de Medio Ambiente, Convivencia e Innovación, Xan Duro, explicou que o procedemento aprobado na Xunta de Goberno “permitirá cumprir coa lexislación estatal en materia de administración electrónica, ao tempo que facilitará que o Goberno compostelán avance nos seus compromisos de transparencia e bo goberno”. Tamén incidiu en que estamos “ante o proxecto de mellora da administración municipal máis relevante da historia recente do Concello de Santiago”.

Nesa liña incidiu a concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, que incidiu en que “o obxectivo último é facilitarlle á veciñanza a súa relación coa administración e permitirlle realizar a maioría dos trámites desde as súas casas, de forma telemática”. A edil salientou tamén “a participación do persoal municipal na elaboración deste procedemento, porque a chegada da administración electrónica e tamén algo moi desexado polo funcionariado porque permitirá traballar de xeito máis eficiente e aforrando tempo”.

Proxecto

O proxecto aprobado permitirá dotar ao Concello de Santiago dunha plataforma de administración electrónica que inclúa unha sede electrónica, un rexistro electrónico e un novo xestor de expedientes. Tamén permitirá modernizar a xestión tributaria e de tesourería ou a xestión do padrón de habitantes.

Na práctica, explicou María Rozas, trátase de introducir as ferramentas que permitan “que os veciños e veciñas poidan facer seguimento dos expedientes que lles afectan desde as súas casas, sabendo en todo momento en que punto está por exemplo a tramitación dunha licenza urbanística”. Ao tempo, o rexistro electrónico “evitará tamén desprazamentos innecesarios e aforraralles tempo á veciñanza, a empresas ou a outras institucións”.

Por último, a concelleira de Economía e Facenda salientou que unha das grandes vantaxes da administración electrónica será que permitirá introducir o pago á carta, “de xeito que a veciñanza poderá escoller como paga a totalidade dos seus impostos e taxas, a periodicidade coa que abona os distintos recibos”.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies