займ срочно

Santiago Centro aposta polo Comercio Innovador

0

Compostela, 7 de xuño do 2019 – Santiago Centro crea un Grupo de Comercio Innovador, no que participan 15 establecementos, co fin de impulsar e testar accións concretas e tecnoloxías xa dispoñibles para dinamizar as vendas.

No Grupo de Comercio Innovador participan establecementos pertencentes tanto ao Centro Comercial Aberto do Ensanche como á Rede de Iniciativas Empresariais Em‐Rede. A xuntanza de constitución do Grupo de Comercio Innovador celebrouse no Real Aeroclub. O primeiro grupo de comercios é reducido para facilitar a operatividade na posta en marcha do programa. A través da iniciativa impulsaranse accións para mellorar a competitividade dos negocios e a súa adaptación ante as compras online e os novos hábitos de consumo, e testaranse iniciativas e tecnoloxías que poden axudar a mellorar as perspectivas do comercio retallista.

Marketing dixital, análise de datos, tecnoloxía no punto de venda ou tenda web serán algúns dos temas que se analizarán ao longo das sesións nas que, a razón dunha ao mes, participarán os negocios adscritos. A iniciativa será liderada por expertos en innovación comercial e dinámica de grupos e porá énfase no desafío tecnolóxico ao que se enfronta o comercio tradicional e de proximidade. Fronte ao crecemento imparable do comercio por internet e das grandes cadeas, o retallista debe buscar o seu oco a través da experiencia de compra, aproveitándose tamén das ferramentas tecnolóxicas que lle facilitan coñecer e chegar máis directamente ao público.

Trátase dunha experiencia pioneira en Galicia (en España existen algúns exemplos semellantes) e, ao tempo, dun grupo piloto para a implantación e proba tipo de medidas, que de acadaren o éxito se trasladarían ao resto de socios integrados en Santiago Centro. O Grupo servirá tamén como foro de debate para afondar na situación do sector, atopar solucións imaxinativas en conxunto e avaliar a incidencia das accións postas en marcha. Ábrese tamén aporta a compartir custes na implantación de ferramentas que abordadas de xeito individual serían inviables.

“Somos conscientes de que este vai ser un traballo duro, de ensaio e erro, e de que probablemente só triúnfe unha de cada catro propostas que probemos, pero a innovación e a valentía son os únicos camiños para a supervivencia do comercio tradicional”, apuntou o presidente de Santiago Centro, José Mª Fernández, na reunión celebrada no Real Aeroclub. “O reto ao que nos enfrontamos é xigante”, remarcou, “pero coñecemos os nosos puntos fortes, que son a calidade e a relación directa co cliente. Agora temos que apostar pola innovación e pola tecnoloxía, porque os datos indican que este sector ten futuro”.

O Grupo de Comercio Innovador de Santiago Centro inspírase na experiencia da organización Innovative Trade Bilbao (CIB Bilbao), coa que Santiago Centro traballa actualmente un amplo acordo de cooperación. Tamén se colaborará co Departamento de Marketing da Facultade de ADE da Universidade de Santiago para a xeración de ideas aplicables ao comercio tradicional.

A creación deste grupo enmárcase no Plan Estratéxico do Ensanche presentado por Santiago Centro a comezos da primavera, un programa de accións no que se recollían tamén intervencións de urbanismo comercial. A este respecto, os integrantes do padroado da Fundación están á espera da constitución dun novo goberno municipal para coñecer as posibles medidas a adoptar en 2019, toda vez que o Plan Estratéxico foi xa presentado antes da campaña electoral aos diferentes grupos políticos.

Os establecementos integrados son Atmósfera Centro Deportivo, Core Surfing, Dulce Calvo Perfumería, Espagat Urban Gym & Spa, Galeria Metro, Jael Joyería, Kookai, La Tienda de María, Nino centro de Impresión Digital, Nobel Muebles, Óptica Val, Patucos & Co, Sarto, Teté Niños e Tiro Libre.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies