Santiago e Coruña proporán a Aena un organismo dedicado a captar rutas aéreas

0

Compostela, 29 de maio do 2018 – A concelleira e o concelleiro de Turismo de Santiago e A Coruña, Marta Lois e Alberto Lema, proporanlle á Xunta de Galicia unha posible solución para mellorar a coordinación dos tres aeroportos galegos, proposta que trasladarán de forma conxunta á Administración autonómica e a Aena na vindeira xuntanza do Comité de Rutas, prevista para este xoves en Santiago.

Ambos concellos apostan por constituír un ente específico que sexa quen de captar rutas en Galicia apostando pola cooperación e non a competición entre aeroportos. Nel deberían estar representados, ademais dos tres concellos, as dúas deputacións provinciais, a Xunta de Galicia e Aena. O obxectivo pasa porque neste ente novo se establezan as liñas de xogo para os aeroportos de Santiago, A Coruña e Vigo, así como o reparto de fondos que debería aportar cada administración para captar novos destinos.

Os edís entenden “inaceptable” que sexan os concellos, “que ademais son os que menos competencias teñen, os que estean a soportar en solitario os incentivos na mellora da conectividade”. Marta Lois e Alberto Lema aseguran que nese ente crearase unha caixa común onde concellos, Xunta e deputacións aporten fondos de maneira colaborativa a razón dun terzo cada unha.

Esta proposta ten como obxectivo mellorar a conectividade e a cooperación dos tres aeroportos galegos, apostando cada un polas rutas que teñen asentadas, evitando a competencia entre as tres terminais, da cal só se beneficia o aeroporto portugués do Porto. Lema e Lois levan dende 2015 apostando pola coordinación aeroportuaria e pola racionalización de recursos que permitan superar a competencia entre cidades.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies