Santiago terá visitas guiadas por monicreques para descubrir a Compostela de Valle-Inclán

0

Compostela, 30 de xuño do 2017 – Visitas guiadas por monicreques e diversos tipos de bonecos exercerán de guías turísticos da Compostela de Valle-Inclán.

As visitas partirán da Alameda e percorrerán a Praza do Toural, Rúa Nova, Igrexa de Salomé, Teatro Principal, Praza de Mazarelos e Praza de Praterías.

A concelleira de Turismo, Marta Lois, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentaron no Pazo de Raxoi “Monicreques en Ruta: con Valle-Inclán por Santiago”, novas visitas teatralizadas que a entidade municipal de promoción turística organiza este verán. Na rolda de prensa tamén participaron o director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, Antonio González, que colabora coa actividade na definición dos contidos das visitas, e un monicreque de Valle-Inclán, que fará de guía turístico pola cidade.

Turismo de Santiago organiza por primeira vez “Monicreques en Ruta: con Valle-Inclán por Santiago” co obxectivo de ofertar gratuitamente unhas visitas guiadas innovadoras e diferentes, pensadas para un público cultural e familiar, interesado en descubrir Santiago dende a perspectiva de Vallé-Inclán, dun xeito didáctico e ameno.

Ramón María del Valle-Inclán pasou diferentes períodos da súa vida en Santiago. Na súa mocidade estudou na Universidade de Santiago e aquí publicou os seus primeiros traballos literarios, na revista Café con gotas. En Santiago tamén pasou os derradeiros meses da súa vida ata que faleceu o cinco de xaneiro de 1936. Os seus restos están no cemiteiro de Boisaca.

Na súa obra atópanse máis de cincuenta referencias a Santiago e lugares concretos da cidade, como a Catedral, a Alameda, as rúas do Casco Histórico, a Praza da Quintana, a Colexiata de Sar, o Convento de San Paio de Antealtares, a Feira de Santa Susana… e mesmo o Café Derby, onde tivo a súa tertulia nos últimos meses da súa vida, que pasou ingresado no Sanatorio do Doutor Manuel Villar Iglesias.

O guión das visitas parte da obra infantil de Vallé-Inclán, pero tamén de acontecementos da súa vida e de citas literarias que o unen a Compostela. As visitas percorrerán diferentes lugares na cidade mentres se representa a obra “A Cabeza do Dragón” con monicreques e bonecos de diversas técnicas: luva, monicreque de varas, marioneta de fíos, xigantes…

As visitas, de balde, comezan ás 18.30 na estatua de Valle-Inclán, no Paseo da Ferradura. Trátase dunha actividade aberta, polo que non é preciso facer reserva previa, pero é preciso presentarse dez minutos antes no punto de saída. O itinerario é: Alameda, Praza do Toural, Rúa Nova, Igrexa de Salomé, Teatro Principal, Praza de Mazarelos e Praza de Praterías. Ten unha duración aproximada de unha hora e media. No mes de xullo, completando a programación das Festas do Apóstolo, haberá visitas do 1 ao 7 e do 26 ao 31. No mes de agosto serán o 1 e 2, e do 27 ao 31.

Estas visitas teatralizadas, que contan co financiamento da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e coa colaboración de Abanca, continúan co traballo de posta en valor da figura de Valle-Inclán e a súa pegada en Santiago como un atractivo turístico da cidade. Así, con motivo da celebración do 150 aniversario do nacemento de Valle-Inclán, Turismo de Santiago, o Museo de Valle-Inclán e o Ateneo colaboraron na creación da “Ruta Valle-Inclán por Santiago de Compostela, Rosa Mística de pedra”, ruta cultural e turística que permite coñecer a cidade a través da vida e da obra de Valle-Inclán.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial