Compostela, 26 de febreiro do 2021 – O pleno de Santiago aprobou os cambios necesarios para poder controlar e limitar os chamados aloxamentos turísticos na cidade.
Os votos a favor do Grupo Socialista e de Compostela Aberta e a abstención do BNG e o PP propiciaron a modificación do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica de Santiago. A modificación xa fora aprobada pero unha sentencia do TSXG obrigou a unha serie de cambios na redacción do texto que son o que foron a pleno.
O casco histórico como lugar de residencia
O obxecto principal da modificación, segundo explicou a concelleira de urbanismo, Mercedes Rosón, “é preservar a cidade histórica como lugar de residencia. Para elo impediuse que nas ordenanzas de uso residencial do PE-1 (Plan Especial 1) houbera calquera outra forma de aloxamento, ben turístico ou ben temporal distinta do aloxamento estable de persoas. Esa mesma é a fundamentación da nova modificación do P.X.O.M.”
Rosón recordou que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ten afirmado, nos fundamentos xurídicos da sentenza, “que a motivación do obxectivo de limitar o uso dunha vivenda para algo que non sexa servir de residencia estable, de domicilio, está baseada non en intereses irrelevantes ou arbitrarios, senón no interese xeral”. Esas afirmacións, continúa, amparan “a modificación do PXOM que estamos a piques de iniciar, máis alá da cuestión formal que determina a anulación limitada que esixe a aprobación do refundido que se trai a este Pleno”.
A modificación levada a pleno, explicou, “resulta da retirada do texto aprobado definitivamente as referencias a calquera forma de aloxamento temporal de curta estancia dando cumprimento ao resolto nas sentenzas, así como do anulado artigo 143 bis que permitía a legalización das actividades anteriores ao 03 de decembro de 2015”.