Santiago quere modificar as liñas de bus no 2017

0

A actual concesión remata no mes de febreiro polo que se traballa nun novo borrador que inclúa ao rural

Santiago, 05/09/2016 – O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade deu conta da proposta para a reorganización das liñas de autobús, que foi presentada a pasada semana  no Consello de Administración de Tussa. Jorge Duarte explicou que o obxectivo da reorganización é conseguir “un transporte público máis eficiente, que nos axude a reducir a presenza de vehículos privados e, polo tanto, unha cidade máis habitable”.

O edil apuntou que as premisas para levar a cabo o novo deseño foron “mellorar as condicións das liñas que suman a maioría dos usuarios, atender ás demandas históricas da veciñanza do rural que ten un servizo moi deficitario, e facilitar a mobilidade das persoas maiores, que residen fundamentalmente no contorno da cidade histórica”.

Duarte explicou que a proposta para reordenar as liñas de transporte urbano “nace da constatación de que as 22 liñas existentes a día de hoxe teñen uns intervalos inadecuados”. Por iso, redúcense a 12, “suprimindo solapes que se veñen dando na actualidade, con puntos da cidade nos que pasan dúas liñas distintas, practicamente nos mesmos tempos”.

Clasificación das liñas por frecuencias de paso
A proposta presentada por Jorge Duarte ante o Consello de Administración de Tussa contempla tres liñas radiais, que son aquelas que sumarían case o 70% dos usuarios e que terían unha frecuencia de paso de dez minutos. Trátase, en concreto, das liñas Polígono do Tambre-Hospital Clínico; Romaño-A Rocha, e Fontiñas-Os Tilos.

A partir das radiais, deséñanse outras liñas que terían frecuencias de paso de 20 ou 30 minutos, e que permitirán que “todos os veciños e veciñas teñan unha liña de bus a un máximo de 350 metros”.

Prolongacións á zona rural
O concelleiro apuntou que a reorganización das liñas “préstalle unha especial atención á zona rural, porque hai moitas parroquias, fundamentalmente do norte, que non teñen transporte público”. Co novo modelo perséguese “que en toda a zona rural haxa un mínimo de tres ou catro frecuencias ao día, grazas ás prolongacións das liñas radiais nalgunha das súas frecuencias”. Deste xeito, o autobús poderá chegar a zonas que non están cubertas na actualidade, como Son, Barciela, ou Nemenzo.

Mobilidade das persoas maiores
Ao igual que nesas parroquias do rural, hai puntos próximos á cidade histórica aos que nunca chegou o autobús, como A Almáciga, a rúa Betanzos ou Entrerríos. Jorge Duarte explicou que iso cambiará coa reorganización das liñas, “botando man de autobuses máis pequenos, posiblemente híbridos, que cubrirán a chamada Circular 0”.

Esta liña chegará a zonas como San Pedro, Belvís, a rúa de Entrerríos (onde se sitúa o centro de saúde de Galeras) ou mesmo a Praza de Abastos. Para o concelleiro, esta circular “será de especial utilidade para as persoas maiores que viven no contorno da cidade histórica e que teñen máis problemas de mobilidade”.

Presentación á veciñanza
O novo deseño das liñas de autobús seralle presentado á veciñanza nunha reunión aberta que se vai celebrar o martes 6, a partir das 20:15 horas, no Auditorio de Galicia. Jorge Duarte explicou que, a partir dese encontro, calquera veciño ou asociación poderá presentar as súas suxestións, “que serán atendidas sempre que poidan ser viables dende o punto de vista técnico e económico”.

O obxectivo é que o novo modelo de transporte urbano empece a funcionar en 2017, despois de rematada a actual concesión do servizo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial