Segunda edición do ciclo ‘Un mes e Pico’

0

 

Boqueixón, 13 de maio do 2019 –  O Concello de Boqueixón vén de dar o pistoletazo de saída oficial á segunda edición de Un mes e Pico. Ciclo Cultural: O Pico Sacro na Cultura Xacobea.

A proposta Un mes e Pico ten como principal obxectivo a posta en valor do Pico Sacro e do seu vencellamento coa cultura e tradición dos Camiños de Santiago. O comezo das actividades desenvolveuse esta mañá na Capela de San Sebastián e contou coa presenza do alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro Tato, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

O rexedor foi o encargado de explicar o amplo programa de actos que, nesta ocasión, contará con varias novidades. Entre elas, o I Concurso de Graffiti Xacobeo Mitolóxico, que da comezo hoxe mesmo, e o I Certame de Novos Talentos de Pintura Rápida, que se desenvolverá o vindeiro 2 de xuño. As bases de ambos as dúas iniciativas poderanse consultar na web municipal (www.boqueixon.com).

O ciclo Un mes e Pico mesturará distintas disciplinas que estarán directamente vencelladas ao tamén coñecido como Monte Sagrado. Así, o venres 17 este enclave será novamente o punto de partida da Carreira das Letras. Unha cita deportiva que congrega a centos de persoas que realizarán un percorrido entre o Pico Sacro e a Cidade da Cultura.

Ao día seguinte, a Capela de San Sebastián acollerá a primeira das tres conferencias que se ofrecerán durante este ciclo. O profesor de Historia da Arte da USC, Juan Manuel Monterroso, ofrecerá, ás 20.00 horas, a ponencia titulada Monsagro. Textos e imaxes para unha tradición xacobea.

A seguinte fin de semana ofrecerase unha visita teatralizada ao Pico Sacro. Terá lugar o sábado 25 de maio ás 17.30 horas. Baixo o título A resurrección da Raíña Lupa. Translatio do corpo do Apóstolo, ofrecerase unha viaxe no tempo ata a época en que os restos do Apóstolo Santiago pasaban por este Monte Sagrado.

As actividades do mes de xuño comezará o domingo 2 pola mañá coa celebración do I Certame de Novos Talentos de Pintura Rápida. A contorna da Vía da Prata, o Camiño de Inverno e o Pico Sacro serán os lugares que servirán de inspiración para os e as artistas que se acheguen a Boqueixón para participar neste concurso de artes plásticas.

A seguinte fin de semana, o sábado 8 de xuño, a Capela de Sebastián acollerá unha nova conferencia. Nesta ocasión, correrá a cargo do Doutor en Ciencias da Información pola USC Manuel Gago Mariño, que falará sobre O Pico Sacro e as vellas montañas sagradas da Europa Atlántica: Unha historia por construír e comunicar. Dará comezo ás 20.00 horas.

Cerimonia, Ofrenda e Entrega do Lume Sagrado

As citas máis multitudinarias do ciclo cultural Un mes e Pico desenvolveranse os días 16, 22 e 23 de xuño, coa celebración da Cerimonia, a Ofrenda e a Entrega do Lume Sagrado, respectivamente. Todas as representacións rememoran a tradición celta de celebración da chegada do solsticio de verán.

Así, o domingo 16 de xuño a Raíña Alda e o seu séquito trasladaranse ao cumio do Pico Sacro para acender o Lume Sagrado por medios naturais, utilizando unicamente a forza do sol. Unha cerimonia que terá lugar a partires das 13.00 horas.

 

A seguinte fin de semana, a comitiva liderada pola Raíña Alda e polo Druída achegaranse a Santiago para protagonizar un vistoso desfile. O percorrido comezará ás 22.00 horas na Alameda compostelá para despois atravesar o casco histórico ata chegar á Praza de Mazarelos. Alí realizarase a Ofrenda do Lume Sagrado, símbolo de purificación e de unión entre Boqueixón e a cidade.

Ao día seguinte, todas aquelas persoas que queiran poderán achegarse á Capela de San Sebastián para recoller o Lume Sagrado e utilizado nos lumeiros de San Xoán. Una Entrega que se realizará entre as 18.00 e as 22.00 horas.

A última fin de semana do ciclo Un mes e Pico comezará o venres 28 de xuño ás 23.00 horas cunha actividade moi especial. O coñecido físico e divulgador científico Jorge Mira dirixirá a sesión de observación astronómica baixo o título Unha ollada ó firmamento dende a tumba do dragón.

O programa cultural finalizará o sábado 29 de xuño coa conferencia O condado de Lupa no territorio Montesagro, que correrá a cargo da arqueóloga Isabel Filgueiras Rey. A actividade dará comezo ás 20.00 horas e finalizará cun recital de piano a cargo de Sofía Silva Carbajales.

Todas as actividades do ciclo Un mes e Pico son de balde, previa inscrición no Departamento de Turismo. Poderanse realizar a través do teléfono 981 513 061 ou do e-mail boqueixonturismo@gmail.com.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial