Segunda edición do festival de poesía Alguén que respira!

0

Compostela, 15 de marzo do 2019 – O concello de Santiago celebrará o Día da poesía con distintas actividades e o II Festival Alguén que respira!.

A concellaría de acción cultural en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo son os encargados da organización de Alguén que respira! no que participarán algunhas das voces máis poderosas da poesía contemporánea do panorama internacional.

A concelleira, Branca Novoneyra, presentou o evento coa compañía do director artístico do programa, Antón Lopo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. A concelleira explicou que “o programa será unha oportunidade única para escoitar algunhas das voces máis poderosas da poesía contemporánea internacional, con nomes como Xosé Luís Méndez Ferrín, o chileno Raúl Zurita, a brasileira Elisa Lucinda ou a catalá Sònia Moll”. En total, apuntou Branca Novoneyra, “Santiago reunirá a máis de medio cento de poetas, músicos, actrices e actores que celebrarán a poesía durante tres días”.

Tamén salientou que no festival poderanse ver “ata oito estreas absolutas de creadores pertencentes a ámbitos heteroxéneos, con linguaxes propias, pero unidos pola poesía”. Esas estreas levan as sinaturas de García MC e LAR Legido, Rabuda e Nuria Vil, Margarita Ledo, Ana Romaní e Chus Silva, Mónica Camaño e Alfredo Rodríguez. Branca Novoneyra mostrou o seu desexo de que “o festival se consolide no calendario cultural de Compostela, porque unha cidade como a nosa precisa e merece un regalo coma este, un evento dedicado a poñer en valor a palabra poética”.

Nesa liña, o secretario xeral de Política Lingüística salientou que Alguén que respira! é moito máis que un festival de poesía, porque “tamén aposta pola oralidade, que é fundamental para promocionar o uso da lingua entre a mocidade, que é unha das nosas principais liñas de traballo”. Valentín García lembrou, neste sentido, “o renacer das regueifas, que se atopan nun momento de total expansión, como acontece cos bertsolaris vascos que participarán no certame do Principal”.

Pola súa banda, Antón Lopo explicou que este festival está “destinado a unir vínculos entre autores e lectores e escoitadores, pero tamén está pensado para ser un espectáculo en si mesmo, para poñer en valor a poesía como elemento dinamizador da nosa cultura e mesmo como elemento con capacidade de dinamización económica”. Ademais, o director artístico do festival salientou a oportunidade que brinda Alguén que respira! para “redescubrir o Teatro Principal, para facer unha reflexión espacial sobre este lugar que todos e todas temos visitado pero que descoñecemos”. Ademais, puxo o acento na “aposta polas estreas no marco do festival, porque tamén queremos ser motores da produción poética”.

Día Mundial da Poesía

O festival comezará o 21 de marzo, e farao no ton máis festivo: co lanzamento de bombas de palenque dende o barrio de Galeras para “anunciar que Compostela se suma á celebración do Día da Poesía e quere facer diso algo único”. Despois diso, virá unha oportunidade única: a de asistir á primeira reunión ao completo do colectivo Ronseltz, que estivo en activo a mediados dos anos oitenta. Sobre o escenario do Teatro Principal xuntaranse Xabier Cordal, Manuel Cortés, Xoán Carlos Rodríguez, Serxio Iglesias e Miki Nervio, os cinco integrantes deste grupo caracterizado polo uso do humor e a ironía. Tamén na primeira xornada do Alguén que respira! celebrarase o acto central do programa, cun recital a cargo de Xosé Luís Méndez Ferrín, encargado de ler o Manifesto galego do Día da Poesía que el mesmo redactará. Tamén intervirán Pilar Pallarés e Estevo Creus, en representación de Galicia, Golgona Anghel pola lingua portuguesa, Sònia Moll pola catalá e José Luis Piquero polo castelán. O acto será pechado por “unha das figuras máis fascinantes da poesía mundial”, o chileno Raúl Zurita.

Slam, bertsolaris, e “poesías sen etiquetas”

A xornada do 22 de marzo estará dedicada á oralidade, cun slam, unha sesión de bertsolaris vascos e un recital de propostas que mesturan a música e a poesía.

O slam é un torneo de poesía, no que os participantes enfróntanse a través de recitais dramatizados, con rondas na que cada participante ten uns minutos para ler os seus textos. O torneo estará conducido por Esther Carrodeguas, contará con música de Juanma LoDo, e sobre o escenario bateranse Iolanda Zúñiga, Oriana Méndez, Carmen Conde, Vanessa Glemsel, Luix Kaf, Malvares de Moscoso, Clara Gayo e Silvia Casal.

Despois do slam, no Teatro Principal darase a oportunidade de coñecer a Jon Maia e Amets Arzallus, dous dos bertsolaris vascos máis prestixiosos. A axenda do venres completarase cun recital de “poesía sen etiquetas” que reúne a García Mc & LAR Legido, nun proceso de improvisación que mestura o hip hop co jazz experimental; Lucía Aldao, unha referencia na poesía oral galega; e Pablo X Suárez e Dudu, que se xuntan no proxecto “El Velcro”.

Xa na terceira xornada do festival, está prevista a estrea do proxecto poético e musical no que colaboran a poeta Nuria Vil e a banda de rock, psicodelia e new wave Rabuda. Ademais, o programa chegará aos recunchos máis inaccesibles do Teatro Principal coa sección “Atravesei a cerca”, na que participarán Gonzalo Hermo, Elena Medel, Ana Romaní e Chus Silva, Alejandro Palomas e Margarita Ledo. Todos eles protagonizarán accións individuais para grupos reducidos de vinte persoas cada un.

O festival Alguén que respira! clausúrase cun recital de grande intensidade, que reunirá no escenario a sete artistas que desenvolverán unha complexa visión sobre a poesía e, polo tanto, sobre a vida. Serán o actor Alfredo Rodríguez e a actriz Mónica Caamaño, cun traballo sobre versos de Jesús Castro, Xela Arias, Olga Novo ou Chus Pato; Afonso Tarficante, que estreará a produción Zunido, na que recitará acompañado por un vibráfono; Félix Fernández, que recuperará os textos do seu irmán Xabier Fernández no oitavo aniversario da súa morte; Silvia Penas, cun traballo sobre as cantigas de amigo encargado polo festival; o popular rapeiro Hard GZ, unha das figuras emerxentes do hip hop español e, por último, a brasileira Elisa Lucinda.

Actividades paralelas

O festival “Alguén que respira!” complétase cun programa matutino que se desenvolverá no ambigú do Teatro Principal. Serán sesións de conversa con “Café con Moha”, sobre temas vinculados coa poesía, como a importancia do corpo nas novas linguaxes líricas, o escenario como soporte, a esencia do poema ou o reto de publicar poesía na actualidade. Na iniciativa participarán poetas como Raúl Zurita, Elena Medel, Marta Dacosta, Henrique Alvarellos, Pablo X Suárez, Sònia Moll, Mario Regueira, Wladimir Vaz, Miguel Anxo Fernán Vello, Mónica Caamaño, Luís Tosar ou Elisa Lucinda. Exercerán como moderadores recoñecidos xornalistas como Daniel Salgado, María Obelleiro, Caetano Díaz, Francisco Novo e Anxo Quintela.

As entradas para as diferentes actividades do festival son de balde, e poderanse retirar na billeteira do Teatro Principal a partir do próximo martes, 19 de marzo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial