Silleda, 26 de xuño do 2020 – O Concello de Silleda continúa apostando polo apoio ao deporte local e ven de renovar o convenio co piloto Cristian Costoya.
O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, por parte da institución, e o pai do xoven piloto, Marcos Costoya, asinaron un acordo por un importe de 15.000 euros, a mesma cantidade que no 2019. Uns cartos que servirán para a participación do corredor en distintas competicións a nivel mundial.
Costoya retoma a competición o vindeiro mércores día 1 en Portugal e o día 6 partirá de novo cara a Italia. Con tan só 10 anos, Costoya conta xa cun envexable palmarés na súa carreira, que iniciou con 4 anos. En outubro do pasado ano participou na final do Rotax Max Challenge, en Nápoles, logo de facelo o ano anterior en Brasil. Ao día seguinte de cumprir os 6 anos, logrou a súa primeira vitoria absoluta, Pole e volta rápida na categoría alevín do campionato galego, no que competiu con rivais de ata 11 anos. En 2019 Foi elixido tamén o mellor piloto español do ano polos lectores do portal especializado Vroom o pasado ano, cando se fixo tamén co Trofeo Ibérico RotaX Micro e o de Portugal, dándolle este último o seu pase á final de Brasil.
“Somos conscientes de que neste tipo de competicións as cuestións económicas son claves para participar ou non. Ademais diso, estamos convencidos de que Christian Costoya continuará colleitando novos éxitos e triunfos na súa carreira”, indica o alcalde, Manuel Cuiña. O orzamento estimado que o deportista presentou para esta tempada, na que Costoya volverá a estar presente en varias competicións (WSK Series España, Campeonato de España Kartimg CEK, Series Rotax de España e Portugal e previsiblemente no mundial), ronda os 40.000 euros.
Con esta aposta, o Concello de Silleda súmase ao resto de entidades patrocinadoras que están a apoialo, entre as que figuran empresas silledenses e outras do sector automobilístico.
En xaneiro deste ano Costoya pasou a formar parte do equipo italiano CRG Racing Team co que o piloto silledense estrenouse a principios de ano na primeira ronda das WSK Super Master Series, no trazado de Adria, en Italia. Agora retoma a competición ilusionado e ca vista posta no próximo Mundial, que se retrasará pola crise da COVID-19 a finais de xaneiro de 2021 e que terá lugar en Portimao (Portugal).
Pola súa banda, Marcos Costoya, pai do xoven piloto, amosou o seu agradecemento ao Concello de Silleda por este apoyo que lle permitirá continuar esta tempada coa competición.